O Centro Comercial Arousa acolle a primeira exposición de clicks de playmobil sobre Vilagarcía
O Centro Comercial Arousa inaugurará hoxe, ás 20:00h., Vilagarcía e a súa historia a vista de click, unha exposición organizada en colaboración coa Asociación Española de Coleccionistas de Playmobil (Aesclick) e que revive episodios crave do pasado do municipio como o desembarco viquingo ou o alzamento das tropas napoleónicas. Reproduce tamén o presente da vila a través de escenas da vida cotiá que teñen como protagonistas as súas praias, o seu paseo marítimo ou actividades como o marisqueo e a pesca.
A mostra, que poderá visitarse até o 27 de novembro, é a primeira destas características organizada por Aesclick en Galicia e para a súa composición utilizáronse ao redor de 1.500 pezas e figuras de clicks de Playmobil pertencentes ás coleccións privadas de 15 asociados da organización, todos eles de orixe galega.
A súa posta en marcha implicou un intenso traballo de documentación e estudo da historia de Vilagarcía para seleccionar aqueles episodios que marcaron o seu devir, e no que se investiu máis de cinco meses. A estes habería que sumar outros dous que foron necesarios para colleitar e seleccionar o material empregado en dar forma aos catro dioramas temáticos nos que se estrutura a exposición, de preto de 24 metros cadrados de superficie total.
Vilagarcía e a súa historia a vista de click traslada ao visitante ao século XI e ás devastadoras incursións viquingas acaecidas en Galicia na época e en séculos anteriores, atraídos fundamentalmente polo ouro compostelán –Galicia era o baluarte da cristiandade e o refuxio dos tesouros da igrexa e da coroa-. Concretamente, remóntase a unha das últimas invasións dos guerreiros escandinavos, as protagonizada polo rei Ulf, alcumado “o galego” precisamente polas súas conquistas nestas terras, e que deu lugar á popular Romaría Viquinga de Catoira, declarada desde 1988 de Interese Turístico Internacional, e que se conmemora todos os anos o 1 de agosto.
O diorama dedicado a este capítulo da historia vilagarciá retrata o ataque do Ulf de 1028, ocorrido durante o reinado de Bermudo III –outros autores sitúano en 1048- e no que os viquingos asaltaron diversas poboacións galegas ao seu paso pola ría de Arousa. Nel, pódese ver, por exemplo, as Torres do Oeste (Castellum Honesti) de Catoria coas que o bispo Crecronio de Compostela, responsable de aplacar a ofensiva de Ulf, fortaleceu a ría de Arousa, porta marítima de Santiago, no seu empeño por finalizar durante o seu mandato coas invasións viquingas.
O levantamento da vila contra o exército de Napoleón, o 12 de maio 1808, que a converteu na primeira cidade galega e do todo noroeste peninsular en alzarse contra os franceses, rememórase noutro dos dioramas. Tamén as represalias que sufriu a súa poboación, un ano despois, por esta acción.
Ocupa outro espazo importante a posta en servizo do primeiro ferrocarril en Galicia, ocorrida un 15 de setembro de 1873, no traxecto entre Cornes -actualmente Santiago- e Carril – hoxe Vilagarcía.
A mostra finaliza o seu percorrido coa imaxe actual que brinda a cidade, representada polo seu característico paseo marítimo, a súa intensa actividade marisqueira, a frenética actividade do seu porto ou o inconfundible marco da súa ría poboada de bateas.











