publicidade hoxe

O Centro Cívico Social de San Mateo de Trasancos acollerá varios actos con motivo do Samaín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, o secretario e o vicepresidente da Agrupación Veciñal de San Mateo de Trasancos, José Manuel García e José Antonio Fernández, respectivamente, anunciaron hoxe os actos cos que un ano máis se celebrará na parroquia o Samaín. O colectivo veciñal organiza esta convocatoria coa colaboración do Concello de Narón, a través do Padroado da Cultura.

A concelleira de Cultura explicou que a actividade comezará mañá, a partir das seis da tarde cun Obradoiro de cabazas para os nenos e nenas no Centro Cívico e Social de San Mateo. O sábado ás cinco da tarde, e ata as sete, desenvolverase outro Obradoiro de Cabazas e un de maquillaxe, tamén no local social, e sobre as sete dará comezo unha sesión de Contos do Samaín, a cargo de Pablo Sánchez. Media hora máis tarde realizará un pequeno percorrido pola parroquia a Comitiva de Luces e Tebras e sobre as oito da tarde iniciarase o Obradoiro do Medo, na escola unitaria de San Mateo, que se acondicionará temporalmente como “Casa do terror”.

A música tradicional estará tamén presente na convocatoria, a cargo do Grupo de Gaitas do Padroado da Cultura do Concello de Narón. Ademais, tal e como anunciaron desde a organización, poderanse degustar caldo e liscos con pan de millo e sortearanse dous xamóns.

Marián Ferreiro agradeceu o traballo que os veciños e veciñas da parroquia realizan cada ano para organizar o Samaín, un evento que congrega na parroquia a persoas chegadas da localidade e tamén doutros concellos da zona. “Este ano terá lugar a décimo novena edición desta cita, o que constata que a celebración do Samaín é todo un éxito ano tras ano, polo que desde o Concello valoramos o traballo realizado pola veciñanza e continuaremos apoiando tanto esta como outras convocatorias similares no municipio que contribúan a dinamizar e diversificar actividades tanto na zona rural como na urbana”. A edil de Cultura animou á veciñanza a acudir a esta convocatoria, para gozar tanto das actividades como da programación máis festiva e pensada tanto para os nenos e nenas como para os adultos.

29 de outubro de 2015 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.