publicidade hoxe

O Burela reencóntrase co triunfo en Vista Alegre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaDeportes
A-
A+

O Burela FS Pescados Rubén viviu unha semana repleta de boas sensacións traballando para reencontrarse co triunfo en Vista Alegre. O 5-8 en Santa Coloma, con 5 dianas do ex do Jaén Paraíso Interior Chino, irrompeu con aire fresco no vestiario laranxa para recibir o campión da Copa de España o sábado en Vista Alegre (18.30 horas).

O Jaén Paraíso Interior chega á Mariña cunha de cal e outra de area; tras conseguir a primeira vitoria da tempada fronte ao Palma Futsal (5-2) o sábado pasado, quedou en cuartos da Copa do Rei con 0-4 ante ElPozo, rival ao que si lle rabuñou 1 punto en liga (2-2), ademais do empate de Levante (1-1). Ocupa a 13ª praza, con 5 puntos. “Tivo un inicio complicado de calendario, moi duro, pero é un equipo forte para estar arriba” aseguraba unha das Xoias Laranxas, Hélder, que puido gozar aínda como xuvenil do gran soño burelista da Copa de España Cidade Real 2015 fronte aos andaluces.

“Foi unha semana moi boa de traballo para o equipo; tras dun resultado positivo trabállase mellor” aseguraba Hélder, facendo un chamamento á afección laranxa para que achegue o seu graniño de area para reencontrarse co triunfo na Bomboneira. O 30 burelista, que estreou a súa cuadrícula goleadora no último partido na casa, aposta pola vitoria: “Na casa temos que gañar si ou si; espero que ese gol sexa o primeiro de moitos co Burela”.

No seu primeiro exercicio como xogador sénior, Hélder agradece o apoio dos compañeiros, ademais da confianza de Daniel Ibañes: “Os compañeiros axúdanme en todo, seguen aconsellándome e apoiándome como o ano pasado, e Daniel demostra a súa confianza en min dándome minutos; teño que aproveitalo ao máximo”.

O técnico laranxa non poderá contar con Isi, que sufriu unha luxación de ombreiro o venres pasado en Santa Coloma. Entrará na convocatoria Rubén, do equipo de Terceira División.

30 de outubro de 2015 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.