O BNG acusa de mal gusto as declaracións de Feijóo sobre o caso do Alvia e pide unha investigación parlamentaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, acusou de “absoluto mal gusto e desprezo aos mortos e os seus familiares” as palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao respecto do auto xudicial polo que se pechou a instrución. O mandatario autonómico dixo que “coincide con sentir maioritario da sociedade” galega.

“Parécenos de absoluto mal gusto e desprezo aos mortos e as súas familias os comentarios desprezativos do presidente da Xunta, que non é a primeira vez que os fai, lavándose as mans e as mans dos responsables do seu partido”, contestou, a preguntas dos medios, o líder do Bloque, quen tamén reclamou unha investigación parlamentaria.

Sobre o auto, Vence manifestou o seu “respecto” pola Xustiza, pero indicou que o BNG entende que “hai máis culpables e máis responsables que o maquinista que foi, en último extremo, o responsable último do accidente”.

“Pero hai causas estruturais e responsabilidades no mal deseño e mala calidade dos servizos para a seguridade desa vía”, abundou Xavier Vence, quen subliñou que, por iso, consideran que “hai máis responsabilidades que as do maquinista que deberían estar debidamente contempladas na instrución”.

En calquera caso, insistiu en que a cuestión “vai máis alá das responsabilidades penais pola vía xudicial” e o Bloque cre que as hai no ámbito “político”.

“Por iso, seguimos demandando que, tanto no Parlamento, como no Congreso, se constitúa unha comisión de estudio sobre este accidente e sobre a seguridade nas vías do AVE”, remarcou Vence, quen abundou en que o sinistro deixou vítimas e “80 mortos dos cales non podemos esquecer”.

8 de outubro de 2015 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.