O avogado de Francisco Garzón móstrase en desacordo con que o fiscal pida o máximo posible para o seu defendido
Manuel Prieto, avogado do maquinista Francisco Garzón Amo, que conducía despistado o tren Alvia que descarrilou en Angrois o 24 de xullo de 2013, mostrouse en desacordo con que o Ministerio Fiscal pida para o seu defendido catro anos de prisión, “o máximo posible”.
E é que ao seu xuízo, segundo subliñou en declaracións, Garzón Amo “non debería estar imputado”, e si exaltos cargos de Adif (o administrador de infraestruturas ferroviarias), entidade pública empresarial dependente do Ministerio de Fomento coa responsabilidade de velar pola seguridade na vía.
De feito, Prieto, no seu recurso ao peche da instrución da causa por parte do xuíz Andrés Lago, alegou “falta de responsabilidade” do condutor no accidente que provocou 80 mortes e 144 feridos, ao “non ter” a liña Ourense-Santiago “as medidas de seguridade necesarias”.
Agora, o letrado advirte de que volveu a solicitar a nulidade das actuacións, ao entender que non se están facendo as cousas ben”. “Hai un recurso de QBE -aseguradora de Renfe- pedindo -ao maxistrado- que aclare o auto -de peche da investigación-“, destaca, antes de argumentar que, en consecuencia, o prazo de presentación do escrito de acusación por parte do fiscal debería estar “suspendido”.
En calquera caso, a defensa do maquinista anticipa que acudirá á Audiencia Provincial unha vez Lago resolva sobre os mencionados recursos, que se suman aos presentados polas vítimas, acusacións particulares e popular.











