O Auditorio Municipal de Ourense acollerá a gala de entrega dos premios OUFF Escola 2015 o día 16 de novembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O luns 16 de novembro terá lugar a gala da entrega de premios das diferentes categorías do OUFF Escola, que nesta edición acadou récord de participación coa presentación de 126 películas realizadas por estudantes de lingua galega. Os traballos proceden das catro provincias galegas, sendo a de maior achega a de A Coruña. O total de participantes implicados na realización das creacións audiovisuais está estimada en 2.320 rapaces.

No transcurso da gala daranse a coñecer os gañadores e proxectaranse os filmes galardoados no certame. O martes, 17, pasarase no Auditorio a película de animación Maimiño, unha coprodución cubano-española, que conta coa banda sonora de Silvio Rodríguez. Trátase da historia dun pequeno campesiño, que a pesares da súa escasa estatura teima en sacar a súa familia da pobreza. A súa situación empeorará por mor dunha praga de insectos que destrúe a colleita do campo onde vive, aínda que milagrosamente a maxia virá na súa axuda. Inspirada no clásico conto europeo, é o primeiro filme de animación 3D producido en Cuba.

O mércores 18 proxectarase tamén no auditorio18 comidas, filme galego dirixido por Jorge Coira que se move entre o drama e a comedia. Conta seis historias ao longo dun único día de ficción. Unha película de formato pouco convencional –con guión, pero con diálogos abertos á improvisación- que viaxa a través de dezaoito comidas –almorzos, xantares e ceas- que nos fan partícipes dalgún deses momentos que poden cambiar unha vida.

Ademais, a programación deste ano ofrece como novidade os obradoiros para nenos que se levarán a cabo os días 17, 18 e 19 no centro cultural Ángel Valente e que estarán dedicados á animación no primeiro día (16,00-19,00 h.) e a creación audiovisual os dous seguintes. O horario do mércores 18, será tamén de 16,00 a 19,00 h., en tanto que o do xoves 19, será de 11,00 a 13,00 e de 16,00 a 19,00 h.

Dentro da sección de Cine Infantil nos barrios, o Festival estende as súas proxeccións para achegar aos máis pequenos algunhas das producións máis importantes da cinematografía infantil producida en Galicia.

O domingo 15, ás 12,00 horas, proxectarase simultaneamente O bosque animado na Sociedade Cultural Albor (Rúa do Greco, 7), no Centro Cívico A Cuña (Dr. Peña Rey, 18) e no Espazo Lusquiños (Avda. de Marín, 16). O sábado 21, nos mesmos centros é a mesma hora, proxectarase O soño dunha noite de San Xoán. As proxeccións serán abertas para quen o desexen, con entrada libre e gratuíta.

30 de outubro de 2015 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.