O alcalde de Vilagarcía entrega á presidenta do Porto o acordo no que se reitera a vixencia do protocolo para o centro de saúde na comandancia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, realizou esta mañá unha visita institucional á Autoridade Portuaria de Vilagarcía, co obxecto de corresponder ao encontro de presentación mantido hai uns meses en Ravella coa presidenta da rada, Sagrario Franco. O obxecto da invitación cursada polo Porto era ofrecer ao rexedor unha visita por todas as instalacións portuarias, ocasión que Varela aproveitou para avanzar nalgúns dos asuntos que deben abordar ambas institucións e que resultan de especial importancia para o interese xeral de Vilagarcía o dos seus cidadáns, como o futuro do muelle do Ramal ou da antiga Comandancia, onde hai anos xa se deran pasos para albergar o novo Centro de Saúde do municipio.

Sobre este último punto, Varela comentou que a presidenta indicou que o Porto cedera recentemente á Armada o uso das instalacións. O rexedor, lembrou a existencia anterior do protocolo asinado en 2009 entre a Consellería de Sanidade e a Autoridade Portuaria, presidida daquela por Javier Gago, para que a Comandancia acollera o novo Centro de Saúde. A maiores, o alcalde socialista entregou á Franco copia do acordo plenario da Corporación Municipal en febreiro de 2010 no que se reiteraba a vixencia do devandito protocolo. Este acordo adoptárase cos votos a favor dos grupos do PSdG, PP, BNG e EU-IU, e coa abstención de IVIL.

O encontro de hoxe foi unha simple toma de contacto na que se puxeron sobre a mesa estes puntos e as posturas de ámbalas dúas institucións, coa intención de traballar en futuras reunións. Varela Paz recoñeceu que a existencia de “visión diferentes”, pero asegurou que “o goberno local tratará de que á Presidenta do Porto entenda a urxente necesidade que ten Vilagarcía de contar cun Centro de Saúde novo, moderno e máis amplo co que poder atender como é debido as necesidades sanitarias dos veciños, posto que xa hai moitos que o ambulatorio de San Roque se quedou pequeno e obsoleto; e especialmente, tendo en conta que xa existía un compromiso previo da Xunta e o Porto para materializar este obxectivo, un compromiso do que se esqueceron co cambio de goberno autonómico e na dirección da rada”.

Outro dos temas nos que deberán traballar da man Concello e Autoridade Portuaria é a reordenación do muelle do Ramal. Ámbalas dúas institucións coinciden en que, coa actual fisionomía da cidade e do porto, a zona debe quedar libre de calquera tipo de actividade industrial ou de almacenamento de mercancías. Para elo será necesario realizar os trámites urbanísticos precisos no Concello para facilitar o traslado a outra zona das empresas que operan alí; así como para decidir os usos definitivos da parcela.

O Concello pretende que a liberalización do Ramal permita abrir Vilagarcía ao mar e dar continuidade á zona lúdica situada entre o parque Miguel Hernández e o porto deportivo por un lado e as praias e o paseo marítimo polo outro.

Nas próximas reunións, que xa se espera que sexan de traballo, trataranse de buscar solucións que cumpran os intereses de ambas institucións e busquen o beneficio común dos vilagarciáns.

15 de outubro de 2015 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.