O alcalde de Santiago censura a compra de voos
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, confiou en que a reunión do comité de coordinación aeroportuaria -deste xoves- sirva para “transparentar dunha vez o clima de relacións” entre todos os axentes implicados; e advertiu de que “non se pode deixar que a política” nesta materia se converta nun “sistema de competición”, porque “non hai límite para esta dinámica e é unha loita que non leva a ningunha parte”.
Neste contexto, e preguntado pola actitude de Vigo, nun almorzo organizado por Fórum Europa -que patrocina Audasa-Grupo Itínere e Banco Pastor-, Noriega sinalou que “o que toca é cooperar” e “deixar de converter a política aeroportuaria” nunha “competición” na que “non existe límite” na “compra de destinos e aerolíneas”, porque “non todo vale” co diñeiro público.
Deste modo, apelou á “responsabilidade, porque a competencia neste campo non ten límites e é un terreo perigoso”. “Máis alá das diferenzas, somos persoas dialogantes, estamos dispostos a dialogar, ademais da achegar posicións”, sinalou o rexedor compostelano, quen incidiu en que “non se entendería un discurso cantonalista” na capital galega, que tamén ten unha “centralidad xeográfica”.
De feito, o alcalde de Santiago chamou a atención sobre o feito de que ese discurso (cantonalista) “funciona noutras cidades” e, polo tanto, como “dá réditos electorais, é difícil desactivalo, porque se vive mellor na confrontación que na colaboración”.
Noriega tamén significou que o goberno vigués ten “influencia” na Deputación de Pontevedra, presidida pola man dereita de Abel Caballero, a concelleira viguesa Carmela Silva. Dito isto, e aínda que precisou que é “é lexítimo”, censurou o uso de diñeiro público para “comprar” destinos, porque “desa política non sae gañando o país e non ten límite”.
“Aí non imos participar”, agregou, sobre a competición en subvencións para aerolíneas, ante o que confiou na “cooperación” entre os concellos de A Coruña, o Ministerio de Fomento e a Xunta, e “terán que ser outros” os que decidan se “queren participar ou non”.
Neste punto, ironizou coa recente ocasión na que, falando da política aeroportuaria, Caballero dixo que non se acordaba como se chamaba o rexedor compostelano. “Sei como se chama o alcalde de Vigo e sei o que fai co diñeiro (público)”, subliñou Noriega, quen insistiu en que “non se “pode estar a competir”.
DIMENSIONAR A CAPACIDADE
Así as cousas, para Noriega, é necesario “dimensionar a capacidade” do aeroporto de Santiago en “beneficio do país”. “E o que toca é cooperar”, remarcou o rexedor compostelano, quen asegurou que “non existe límite nesa guerra” e na “compra de destinos e aerolíneas”.
Por iso, apelou á “responsabilidade” e reivindicou para Santiago a dimensión “internacional” que debe ter. “Non se trata dunha carreira tola” na compra de liñas de competición”, aseverou.











