publicidade hoxe

O alcalde de Oroso móstrase satisfeito coa aprobación dunha senda peonil na estrada DP 3801

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, amosa a súa satisfacción tras coñecer que a Deputación da Coruña aproba o investimento de 229.055 euros nunha senda peonil na estrada DP 3801, concretamente entre os puntos quilométricos 2,190 e 3,280. A obra conectará dous tramos de beirarrúas xa existentes na zona e que contan cun elevado grao de utilización por parte dos veciños e veciñas.

Mirás lembra que “este é un proxecto polo que levabamos loitando desde hai moito tempo, pero que o anterior goberno do PP na Deputación non admitiu en catro anos”. Por iso, o alcalde de Oroso agradécelle esta aprobación ao novo equipo da entidade provincial: “en especial ao presidente e á vicepresidenta, dado que esta é unha obra que a poboación da Gándara e de Sigüeiro nos estaba pedindo, ao ser unha zona moi axeitada para pasear e comunicarse a pé coa capital municipal”.

Tal como explica a Deputación, a nova senda discorrerá pola marxe dereita da estrada, en dirección a San Mauro. A súa anchura será de dous metros. Nalgúns tramos contará cunha baranda de madeira para garantir a seguridade, e en toda a súa extensión estará dotada co pintado e a sinalización pertinentes.

Novas sendas

O alcalde de Oroso anuncia que o Concello seguirá investindo na dotación de sendas peonís para as parroquias de Oroso, Senra e Deixebre, nestes casos a cargo dos orzamentos municipais deste mandato. Mirás explica que “son reclamacións que nos efectuaron os veciños durante os Encontros co Alcalde dos últimos meses e ás que queremos darlles cumprida resposta”. En concreto, están previstas sendas entre Porto Avieira e O Piñeirón, en Bouzalonga e en Senra. 

9 de outubro de 2015 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.