publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O alcalde de Oroso insiste en que as obras da saída sur da AP-9 en Sigüeiro están paralizadas por problemas burocráticos de Fomento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, insiste en que as obras da saída sur da AP-9 en Sigüeiro están paralizadas por un problema burocrático do Ministerio de Fomento coa ampliación da ponte sobre a N-550. Mirás Franqueira indica que “é certo que na zona hai obreiros e maquinaria dunha subcontrata pero, como eles mesmos nos indicaron, máis que estar traballando están facendo o ridículo porque teñen prohibido continuar cos traballos de ampliación da ponte sobre a Nacional”.

O alcalde de Oroso asegura que “eu son realista, non minto. Os feitos están aí” e convida a quen o dubide a “preguntar aos veciños sobre cando se puxeron as zapatas para ampliar a N-550, que levan xa tanto tempo aló que os ferros xa están oxidados”. “Sei que ao señor Doval só lle preocupa protexer ao PP e facerlle a pelota á ministra, pero a min o que me preocupa son os veciños afectados, que levan sete meses sufrindo unhas obras que tiñan que estar rematadas a finais de agosto e que agora están paradas por culpa única e exclusivamente do Ministerio de Fomento”.

Por iso, o alcalde de Oroso insta á ministra de Fomento a que “máis que andar tratando de desmentir o evidente, colla o touro polos cornos e venza a burocracia do seu Ministerio, que é o único que está impedindo que as obras se poidan rematar canto antes. Iso é o que todos desexamos e lle agradeceremos, que as molestias rematen e poidamos estrear esta nova infraestrutura canto antes”.

Problemas coa ponte 

Diante das afirmacións do voceiro da oposición, Manuel Mirás solicitou un informe da Policía Local sobre a situación das obras. “O que nos dixeron as persoas que están aló é que un está contando os vehículos que se incorporan á AP-9 e outros facendo o tempo pero que teñen prohibido seguir cos traballos”, denuncia Mirás Franqueira. “Se a señora ministra quere o informe, non hai problema que llo enviamos”, indica. 

O alcalde recoñece que “a primeira parte da obra, todo o que foi na AP-9 cos desmontes, os novos viais e a ampliación da praia de peaxe foi de marabilla, pero o problema chegou na ampliación da ponte sobre a N-550, que é a que ten que acoller aos vehículos que se incorporan á AP-9 dende o sur”. 

Finalmente, o alcalde orosán insta ao Ministerio de Fomento a resolver canto antes os seus problemas internos pois “este atraso supón importantes molestias, especialmente aos veciños e veciñas da zona, pero tamén a todos cantos circulan pola N-550”.

21 de outubro de 2015 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.