publicidade hoxe

O alcalde de Narón asina tres convenios de colaboración para actividades culturais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, asinou hoxe tres convenios de colaboración cos representantes da Asociación Cultural Areosa, de Piñeiros; a Sociedade Cultural e Recreativa “A Pombiña”, de Pedroso e a Asociación de Veciños do Couto. As achegas procedentes do Concello, que en conxunto ascenden a 15.000 euros, destinaranse á convocatoria de varias actividades culturais ao longo do ano.

En representación da Asociación Cultural Areosa acudiu ao acto Bruno González, encargado de rubricar o acordo polo que a entidade recibirá 5.000 euros. Con cargo a esta partida organizaranse: a Festa do Socio, o Certame de Habaneras; Os Maios; o Festival de Panxoliñas; un Maratón de Lectura e o Día do Libro, entre outros actos.

O presidente da Asociación de Veciños do Couto, Anselmo Beceiro, rubricou o convenio co Concello, tamén por un importe de 5.000 euros, e que permitirá manter, entre outros eventos, o programa de visitas guiadas ao mosteiro de San Martiño de Xuvia, na parroquia do Couto.

O terceiro dos convenios asinados esta mañá foi coa Sociedade Cultural e Recreativa “A Pombiña”, de Pedroso, presidida por Lucía Torrente e que recibirá tamén 5.000 euros do Concello. Neste caso a partida destinarase a programar actividades propias e en colaboración co Concello para impulsar a vida social e cultural na citada parroquia a través da entidade.

9 de outubro de 2015 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.