publicidade hoxe

O alcalde de Narón asina dous convenios de colaboración coas asociacións da Terceira Idade de Pedroso e Solidariedade Galega co Pobo Saharaui

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, asinou esta mañá dous convenios coas asociacións da Terceira Idade de Pedroso e Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, por un importe conxunto de 7.500 euros. No primeiro dos actos o rexedor local estivo acompañado pola presidenta da entidade de Pedroso, Eva Blanco, e pola concelleira de Promoción Social e Igualdade, Teresa Sabio. A Asociación da Terceira Idade de Pedroso recibirá 2.500 euros do Concello, unha cantidade que se destinará a sufragar os gastos derivados de actividades que se programen desde a entidade.

O segundo dos convenios asinados hoxe foi coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui. Blanco rubricou o acordo coa presidenta da entidade, Maite Martínez, nun acto ao que acudiu a concelleira de Acción Social, Catalina García. Neste caso o Concello entregará 5.000 euros á asociación, unha cantidade coa que se sufragará o programa “Vacaciones en Paz”, que desde hai varios anos permite traer á localidade durante os meses de verán a varios nenos e nenas procedentes dos campamentos de refuxiados saharauis de Tinduf, en Arxelia.

O rexedor local valorou o traballo que ambas entidades realizan ao longo do ano no municipio, e deixou constancia da aposta do goberno local naronés por continuar contribuíndo con elas economicamente para que manteñan a súa actividade en Narón.

19 de outubro de 2015 | 20:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.