O alcalde de Lalín visita as obras na concentración parcelaria en Losón

O alcalde de Lalín xunto a Cores Tourís na visita a Losón
O alcalde, Rafael Cuíña, recoñeceu o traballo que se está realizando por parte da administración autonómica na concentración parcelaria en Losón, pero lamentou que a visita só se realice a unha zona do concello cando hai varios procesos en marcha. Cuíña tamén se amosou sorprendido polo feito de que só se convocase a “só a uns cantos veciños, dun determinado perfil político” a este encontro. Tras insistir no “respecto institucional”, o rexedor defendeu que “todos os veciños teñen os mesmos dereitos”, independentemente da súa orientación política.
Este mediodía o alcalde tamén visitou, acompañado do delegado da Xunta en Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís, as obras de mellora realizadas no polígono Lalín 2000, financiadas en gran parte cunha subvención da Xunta de Galicia. Cuíña aproveitou a visita para reclamar a implicación do delegado na consecución de fondos para o CAR e para a mellora da Rolda Leste.











