O alcalde de Caldas e a Asociación “Caldas Centro Comercial Aberto” reúnense para traballar xuntos na promoción do municipio

O alcalde de Caldas na reunión
Juan Manuel Rey reuniuse coa asociación de comerciantes de Caldas para facer balance das demandas que esta presentou ao edil a comezos de ano baixo o título de “Compromiso co Comercio local”.
Durante a reunión fíxose un repaso das peticións:
1.- Colaboración económica para realizar unha guía turística, que xa se está imprimindo.
2.- Fomento de actividades lúdicas e deportivas, ao cal, o Alcalde fixo mención a varios torneos e encontros en Caldas, en concreto aos días pasados que se celebraron encontros de pádel e o Rally Mix Caldas, cun gran éxito de asistencia. Segundo os datos que manexa o Alcalde, o pasado fin de semana a ocupación hoteleira estivo ao 100% e os bares e restaurantes felicitáronlle persoalmente xa que acudiu moita xente ás súas instalacións.
3.- A promoción de zonas verdes era outra demanda dos comerciantes, ao que Juan Manuel anunciou que se realizará un curso específico de xardinaría para dez persoas durante un ano, o cal fará que se potencie o mantemento das zonas existentes e a creación de novas zonas verdes, por exemplo na zona da Tafona e distintas parroquias.
4.- Así mesmo, os asistentes coincidiron no acerto e o éxito dos concertos do Festival Cultura Quente, recuperados este ano.
5.- Outra demanda reiterativa era a da creación de prazas de aparcadoiro no pobo; demanda que queda atendida co novo aparcadoiro entre a Tafona e Porto do Río. Aínda así, o Alcalde anunciou que están a traballar para aumentar as prazas no centro urbano.
Tamén se expuxo o tema da iluminación de nadal e novos proxectos como a mellora e promoción do Camiño de Santiago, ou a redución dos residuos orgánicos.
O Alcalde e a Asociación quedaron de reunirse de maneira periódica para seguir traballando xuntos na promoción turística e comercial de Caldas de Reis.