publicidade hoxe

O alcalde da Lama revisa os efectos do temporal e dispón un operativo para solventar os problemas ocasionados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Lama
A-
A+
Visita do alcalde ás zonas máis afectadas

Visita do alcalde ás zonas máis afectadas

O alcalde da Lama, Jorge Canda, revisou ao longo da xornada de hoxe os danos causados polo temporal e as intensas choivas caídas no municipio. O rexedor encargou aos operarios municipais que realicen labores de consolidación do firme da estrada de Fontecoba moi afectada pola enorme cantidade de auga que se filtrou baixo o asfalto e provocou un baleirado da vía e enormes fochas que dificultan o tráfico rodado polo lugar.

O temporal tamén tirou varios muros, provocou a entrada de auga en propiedades, o desprendemento de pedras, a caída de ramas e colectores de recollida de lixo. Durante toda a xornada de onte as brigadas municipais foron totalmente mobilizadas para atender os problemas causados polo forte vento e as intensas choivas.

O propio alcalde, Jorge Canda, e o tenente de alcalde, Juan Carlos Piñeiro, atenderon persoalmente os requirimentos feitos polos veciños para que se desprazasen até diferentes zonas do municipio para resolver incidencias producidas ao longo do paso do temporal.

Así, un dos lugares máis afectados foi a estrada de Fontecoba que precisa dunha intervención urxente para garantir a seguridade e o paso de vehículos e cidadáns ás súas vivendas xa que unha gran tromba de auga coouse por baixo do pavimento e provocou o arrastre de terra até baleirar o firme o que fixo que se fracturase con grandes fochas e fochancas. O Concello realizará unha actuación de emerxencia cunha pa para corrixir provisionalmente os danos, retirando o pavimento en mal estado e asegurando a zona con “xabre” para permitir o paso de vehículos até as súas casas.

O alcalde anunciou que solicitaría o amparo da Deputación de Pontevedra para asfaltar de modo adecuado esta vía que quedou totalmente esnaquizada por efecto das intensas choivas rexistradas estes dous últimos días no municipio da Lama.

6 de outubro de 2015 | 20:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.