O alcalde da Coruña ve un punto de partida positivo o acordo de EU, Anova e Podemos
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, considera un “punto de partida positivo” o acordo entre EU, Anova e Podemos para concorrer ás eleccións xerais, pero puntualizou que hai que abarcar “máis aló” dos partidos políticos e incorporar “novos actores”. “O acordo é un punto de partida positivo, pero hai que ir máis aló e incorporar novos actores, incorporar á cidadanía”, asegura ao apuntar, para a candidatura das xerais, a unha fórmula de unidade que vaia “máis aló” das formas políticas.
A preguntas dos xornalistas, Ferreiro considera que o acordo “non pode quedar só en partidos políticos” e, por iso, aposta por “ampliar o campo” e “ir máis aló de calquera das formas políticas” que están no acordo.
“Iso foi o que se demostrou exitoso nas eleccións municipais e debería ser o que se demostre exitoso nas xerais”, asegura o rexedor coruñés, que en días pasados previñera de quedar nun acordo de “cúpulas”.
ESCUSA A SÚA AUSENCIA
Doutra banda, o rexedor herculino explicou que non poderá acudir á presentación do preacordo político por motivos de axenda, xa que tiña un acto previsto previamente.
Respecto diso, insistiu en que non mantén “ningunha discrepancia” co documento que este venres se dá a coñecer, senón que se debe a unha “asistencia comprometida” con anterioridade. De feito, si irán membros do goberno de Marea Atlántica.











