O alcalde da Coruña sinala que as políticas igualitarias iluminan toda a acción de Goberno
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentou na tarde deste mércores no centro municipal Ágora as liñas básicas do seu departamento, nun acto cunha importante presencia de representantes do tecido asociativo da cidade e no que tamén participou o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, quen destacou: “As políticas igualitarias iluminan toda a acción de Goberno”. “Debemos camiñar devagar pero sen pausa. As políticas de igualdade e a transversalidade son un traballo lento pero que quere crear un cambio de paradigma.
Se o conseguimos, veña quen veña despois de nós non haberá marcha atrás, xa non se poderá mudar”, salientou o rexedor, que lembrou que a cuestión de xénero é un compromiso que se reflicte na composición do Goberno municipal, nos seus equipos de traballo e na representación da Deputación. “A igualdade é un compromiso que levamos dentro, no ADN –quixo subliñar–; non só queremos unha cidade inclusiva onde a igualdade dereitos estea garantida, senón unha na que esa igualdade respecte e poña en valor a diversidade, sexa do tipo que sexa: cultural, afectiva, sexual, funcional, cognitiva ou de crenzas e ideas”.
A concelleira, pola súa banda, incidiu na transversalidade do seu departamento, “que deberá ter capacidade de influír en toda a acción de Goberno”, e debullou as tres liñas de traballo fundamentais que estruturan a Concellería: a de Cidade Libre de Violencias Machistas, a Cidade Acolledora e Inclusiva e o Observatorio Municipal de Igualdade e Diversidade, que, recordou, se atopa entre os primeiros 25 compromisos do Goberno local, e que traballará de forma conxunta co Observatorio Urbano e o Sociolaboral, que xa funcionan na actualidade. “É un dos grandes proxectos cara ao ano que vén, está xa deseñado e en marcha”, anticipou a edil, que destacou o “traballo en rede” con outras cidade que está chamado a facer este servizo. Entre as súas funcións, e segundo avanzou a responsable municipal de Igualdade e Diversidade, estará a de traballar na coordinación institucional entre todas as áreas de goberno e a de recoller as demandas da cidadanía, ademais de tratar de incorporar a igualdade de oportunidades aos diferentes mecanismos e procesos de traballo da administración local. “Estase a traballar para a súa posta en marcha, establecendo colaboracións con entidades e institucións con coñecementos e estudos nesta área”, adiantou Fraga, e puxo como exemplo a Universidade da Coruña ou os distintos axentes sociais da cidade.
Durante o acto, Fraga fixo un percorrido polas ferramentas que xa existen e que a súa concellería pretende impulsar, como son o Centro de Información ás Mulleres (CIM), a Rede de Acollemento de Mulleres en Situación de Violencia de Xénero, que conta cunha casa de acollida e dous pisos, o Centro de Planificación Familiar, a Unidade de Asesoramento a Migrantes (UAMI) ou o espazo LGTBQI, “que temos a intención de impulsar e poñer en marcha de forma adecuada, para poder ter un espazo no que se fale das identidades sexuais”.
A responsable municipal fixo tamén mención ás actividades que se poderán desenvolver de aquí a final do ano, grazas á partida de máis de 74.000 euros que Alcaldía acaba de transferirlle á concellería de Igualdade, e destacou tamén a aposta polo Servizo Municipal de Canguraxe, ademais das campañas dirixidas ao fomento da igualdade e contra as violencias machistas.
No acto, ao que acudiron máis de 250 persoas, tanto a responsable como o alcalde incidiron na importancia de dotar ao departamento de Igualdade e Diversidade dun perfil propio, capaz visualizar e empoderar a diversos colectivos e traballar de xeito transversal e diferenciado do traballo asistencial. Ao remate, abriuse a unha queda de preguntas onde os e as participantes puideron dirixir as súas dúbidas ao rexedor e á concelleira así como facer as súas suxestións. Para máis información sobre todas as actividades impulsadas dende a Concellería de Igualdade e Diversidade, o Concello puxo en marcha un sitio web propio dentro da páxina municipal do Concello: www.coruna.es/igualdadediversidade .











