Novo sistema de recollida selectiva en Lalín

Novo sistema de recollida do vidro
A concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, presentou esta mañá xunto con representantes do servizo municipal de recollida de lixo e da entidade Ecovidro, un novo sistema de recollida selectiva de vidro. A iniciativa foi posta en marcha por esta última sociedade, en colaboración co Concello de Lalín, e ten o obxectivo de facilitar a separación e o depositado do vidro, co obxectivo de mellorar a eficiencia no reciclado deste material, que Alonso recoñeceu que “se fai de forma inadecuada en multitude de ocasións, cos problemas e gastos a maiores que isto supón”.
O proxecto vai dirixido principalmente ao sector hostaleiro por ser o maior produtor destes residuos sólidos e consiste en acoplarlle a varios iglús de recolección dun dispositivo hidráulico que eleva e baleira automaticamente uns colectores máis pequenos nos que previamente se depositou o vidro. En total foron 25 os iglús que se dotaron deste sistema no casco urbano, mentres que se repartiron polos bares 50 pequenos contedores de 120 litros e outros 15 de 40.
Alonso tamén aproveitou para anunciar que nos próximos meses se porá en marcha unha campaña de sensibilización entre a poboación “debido á gran cantidade de usos inapropiados que se están a detectar á hora de separar os residuos”. A campaña basearase no reparto de información polos domicilios e na celebración de charlas polas parroquias do municipio.











