Novas medidas de loita e protección contra a violencia de xénero en Lalín

Rolda de prensa do alcalde de Lalín
O alcalde, Rafael Cuíña, e a concelleira de Muller e Igualdade, Celia Alonso, anunciaron novas medidas de loita e protección contra a violencia machista e se mostrou, unha vez máis, o compromiso do Concello de Lalín coa igualdade de xénero e coa muller.
Celia Alonso, destacou a enorme competividade e eficiencia do Centro de Información á Muller (CIM), ao tempo que anunciou a posta a disposición do servizo de diferentes espacios de propiedade municipal para a protección das mulleres. “Moitas veces sabemos as liñas que temos que seguir para darlle protección a unha vítima, pero non temos un `refuxio` no que acollelas cando a situación é moi urxente”, explicou Alonso, antes de asegurar que con esta medida se salvará esta deficiencia. O respecto á privacidade é fundamental neste proceso, polo que dende o Concello non se revelarán as instalacións municipais que se poñerán a disposición das persoas afectadas.
Outra das medidas de prevención na loita contra a violencia machista anunciadas hoxe, foi a activación da ferramenta VioGen. Trátase dun sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero, posto en marcha no ano 2007 polo Ministerio do Interior, que busca, a través da colaboración entre diferentes organismos e administracións, activar unha rede tupida que permita o seguimento e a protección rápida, integral e efectiva das mulleres maltratadas e dos seus fillos e fillas. Tal e como explicou a edil de Igualdade, “aínda que Lalín ten concedida a adhesión á ferramenta, levábase anos sen que se puxera en marcha de forma efectiva”, unha cuestión que quedará solucionada “de forma inminente”, asegurou Alonso, “xa que non podemos prescindir dun servizo tan válido para a protección da muller”.
Pola súa parte, o alcalde, Rafael Cuíña, indicou que “un dos obxectivos do actual Goberno é poñer a Lalín, como un dos concello referentes en Galicia na loita contra a violencia machista”.











