Noriega aposta por blindar a coordinación cos demais gobernos de mareas
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega (Compostela Aberta), asegurou que a coordinación entre as tres cidades con gobernos de candidaturas de confluencia (A Coruña e Ferrol ademais da capital galega) é “permanente” e responde a un “diálogo fluído e a unha excelente relación”.
“Entendemos que hai que blindar e temos a vocación de blindala, os tres gobernos”, manifestou o tamén covoceiro de Anova (faceta que deixou nun segundo plano tras incluirse na candidatura de Compostela Aberta), a preguntas dos medios na rolda de prensa posterior á xunta de goberno local. Ao respecto, engadiu que “hai unha dinámica (de coordinación) que vai estar á marxe dos procesos electorais”.
Neste sentido, explicou que a súa presenza (na tarde deste venres) na presentación do preacordo entre Anova, Esquerda Unida e Podemos levarase a cabo baixo un “estatus de observador”. Tamén está previsto que acudan o rexedor de Ferrol, Jorge Suárez (Ferrol en común), e membros do goberno municipal da Marea Atlántica.
Sobre o documento en si, ratificouse en que non está “pechado” e, polo tanto, insistiu en que “non é unha estación de chegada, senón un avance na medida en que serve para poñer en común diferentes proxectos programáticos”.
Ao respecto, xulgou que “aínda falta seguir sumando axentes” a este documento, “non só partidarios, senón tamén da esquerda social e de plataformas cidadás”. “Co cal, hoxe dáse un paso adiante e esperamos poder seguir construíndo a unidade popular”, abundou.
Noriega manifestou que a súa presenza no acto da tarde do venres ten que ver coa participación destas tres formacións políticas nas propias mareas nas municipais deste ano, de aí que abundara en que se trata dun “punto de partida”.
PRESENZA DO BNG
Sobre a posibilidade de que estas formacións e o BNG acaben confluíndo nunha candidatura única galega, Noriega contestou que é “pesimista, a razón; e optimista, a vontade”, polo que se quixo quedar con esta última característica nesta ocasión.
“O único que sei é que o proceso de construción da unidade popular é algo máis necesario (que nunca)”, abundou Noriega, en declaracións aos medios no Pazo do Hórreo, tras participar nun acto institucional do Parlamento.
O rexedor compostelano insistiu na necesidade de construír un “lugar de encontro” das formacións políticas, pero tamén da “esquerda social e dos novos axentes que naceron tras as municipais, que tamén eran lugares de encontro e de unidade popular”.
Preguntado polas declaracións de Xosé Manuel Beiras, líder de Anova, nas que chamaba o BNG a “falar” coas mareas para afrontar o proceso electoral do 20 de decembro, Noriega dixo que “non” recibiu ese contacto. “Creo que o desexo non coincide coa realidade”, resolveu.
ATOPO BEIRAS E VENCE
O documento político preséntase un día despois de que Beiras e o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, mantiveran un encontro privado no que puxeron en común as visións persoais do contexto político, aínda que quedaron pendentes dunha reunión “formal” das súas organizacións.
Non obstante, as fontes consultadas sinalaron que non existe “unha liña aberta” de diálogo entre as dúas formacións. O Bloque manterase atento ao preacordo que se presenta este venres.











