Noriega admite que non é unha noticia positiva que CXG só vaia o 20D nunha lista unitaria
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, manifestou o seu “respecto pola decisión” de Compromiso por Galicia (CXG) de unicamente concorrer ás eleccións xerais no caso de que Galicia teña unha soa lista de unidade, pero admitiu que “non é unha noticia positiva” para o proceso.
Noriega, que en días pasados se mostrara favorable por construír a unidade dunha candidatura en torno ao foro creado por Encontro por unha Marea Galega e membros de sete partidos (entre os que tamén estaba Compromiso, aínda a expensas do que decidise a militancia), sinalou, a preguntas dos medios, “querer ser respectuoso coa decisión, porque a toman dentro do seu ámbito de decisión”.
“Eu si que parto da opinión de que vivimos tempos nos que hai que mollarse”, agregou, non obstante, a preguntas dos medios tras recibir na Alcaldía ao presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, Antonio Fontenla.
“A pesar de que para o proceso non é unha noticia positiva, espero que sigamos dando pasos nas próximas datas”, sinalou, así mesmo, Noriega, quen apuntou que a súa “experiencia nestes anos” (como membro de Anova participou nas negociacións das galegas de 2012 e as europeas de 2013) lle di que “estes procesos non chegan a decantarse ata o último momento”.
“Poderían acontecer antes, pero o importante é a foto final, e esperemos estar á altura os días que quedan para poder pechar unha candidatura de unidade popular con garantías”, sentenciou.











