Nicolás González reúnese cos afectados da AR-7 para buscar vías de solución

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Nicolás González na reunión cos veciños afectados

Nicolás González na reunión cos veciños afectados

O tenente de alcalde e concelleiro responsable de Urbanismo, Nicolás González Casares, reuniuse esta tarde cos veciños e cos distintos propietarios de solares e vivendas da denominada Área de reparto 7, localizada na zona de Carragoso. Casares acudiu á cita despois de térense producido queixas polo mal estado no que se encontra o lugar, e co obxectivo de explicarlles aos afectados cal é situación da área urbanizable e valorar posibles solucións. As denuncias dos veciños polo abandono da área veñen de anos atrás, cando debido ás dificultades provocadas pola crise económica, a empresa promotora deixou as obras sen rematar.

Tal e como explicou González Casares, o principal problema co que se atopa o Concello á hora de querer solucionar os problemas que afectan á zona, radica en que os terreos  son de desenvolvemento urbano privado e aínda non foron recepcionados polo Concello. O concelleiro tamén precisou que para que a urbanización se poida entregar e abrir, debe estar rematada por completo. Neste senso, asegurou que o problema “non ten unha solución sinxela e, por desgraza, non se poderá solventar nin mañá nin pasado, senón que hai que buscar remedios a máis longo prazo”.

Deste xeito, unha das opcións que se barallaron para poder proceder á execución definitiva da urbanización, pasaría, segundo explicou o tenente de alcalde, por que o Concello execute o proceso subsidiariamente, solicitándolle á xunta de compensación da Ar-7 que efectúe o procedemento. Non obstante, esta modalidade é totalmente inviable debido a que a actual situación económica non o permitiría. Así mesmo, Casares apuntou que rematar por completo a urbanización tería un custe duns 260.000 euros, segundo as primeiras valoracións realizadas, un importe “lesivo para os intereses concello, que non dispón neste momento desas cantidades”. Así e todo, o edil de Urbanismo manifestou que “co paso do tempo o Concello deberá facerse ca xestión dos terreos e rematar a obra si, ou si”, apuntando, por outra parte, que o único que se pode facer na actualidade é “manter a urbanización nunhas condicións limpas, dignas e garantir unhas mínimas condicións de seguridade”.

 A este respecto, nos próximos días procederase a valar un tramo viario no que se poden atopar fochancas, maleza, ou tapas de sumidoiro extraídas, co conseguinte perigo que isto supón para o tráfico e os viandantes. 

Finalmente, Nicolás González Casares dixo que nos próximos días se solicitará unha nova valoración “á baixa” do custes total das obras, e posteriormente se convocará unha nova reunión entre veciños, propietarios, arquitectos municipais e asesores xurídicos, co obxectivo de seguir buscando vías de solución á situación da Ar-7.

20 de outubro de 2015 | 20:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.