Nicolás González esíxelle ao novo conselleiro de Sanidade o cumprimento do convenio para a execución do centro de alta resolución
O tenente de alcalde e concelleiro delegado da área de Sanidade, Nicolás González Casares, aproveitou a incorporación de Jesús Vázquez Almuíña ao goberno da Xunta como conselleiro de Sanidade, en substitución de Rocío Mosquera, para esixirlle á administración autonómica “que dea cumprimento ao convenio asinado co Concello para e execución do Centro de Alta Resolución (CAR)”.
O acordo de colaboración foi selado no ano 2011 pola ex-conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, e o Concello de Lalín. No documento plasmáronse as bases para a futura construción dunha nova edificación para o Centro de Alta Resolución, Punto de atención Continuado e Centro de Saúde. O Concello xa conta cos terreos necesarios para levantar a infraestrutura, que o anterior alcalde, José Crespo, asegurou no 2011 que estaría rematada no ano 2013. Así mesmo, o anterior rexedor falaba no mesmo ano de ter comprometidos en torno a 11 millóns de euros para este fin, “aínda que semella que a Consellería e o anterior goberno do PP só se dedicaron a vender fume”, apuntou González Casares.
A Xunta vén incumprindo ano tras ano o convenio para a construción do CAR, “mentres Lalín segue sen ter un centro de saúde digno e acorde ás necesidades da súa poboación”, sinalou o tenente de alcalde ao tempo que lle demandou en nome do Goberno, ao novo titular de sanidade, que “rescate do caixón o convenio” e poña en marcha medidas que axilicen o proceso de licitación. Neste sentido Casares solicítalle ao goberno autonómico “que se reserve unha partida nos orzamentos do 2016” para a execución do novo centro sanitario, que cualificou “como unha auténtica necesidade para a cidadanía de Lalín”.
Por outro lado, o edil de Sanidade agarda que a Consellería de Sanidade “tamén dea cumprimento á solicitude que se fixo para dotar a localidade dunha unidade de hemodiálise ambulatoria”. A reclamación foi aprobada no Pleno ordinario do mes de setembro co obxectivo principal de evitar que os pacientes renais crónicos da vila teñan que desprazarse varias veces á semana a Santiago para someterse ao tratamento.











