Nace en Ourense o novo Grupo Scout ILEX

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Grupo Scout ILEX constituíuse recentemente como asociación na cidade de Ourense e conta cunha ducia de voluntarias e voluntarios, con ampla formación e experiencia, que impulsarán a súa actividade educativa. Este colectivo se caracteriza por ser o primeiro grupo scout da cidade de tipo laico, e forma parte dun movemento educativo internacional ao que pertencen máis de 30 millóns de persoas, entre mozos e mozas e adultos, homes e mulleres, que comparten un mesmo sistema de valores e o desexo de construír un mundo mellor.

Somos unha escola de cidadanía, na que educamos dende a coeducación na liberdade, a xustiza e a solidariedade, estimulando a responsabilidade persoal no marco da convivencia e o servizo á comunidade. Pretendemos contribuír a espertar o espírito crítico e participativo, respectando a liberdade persoal á vez que promovendo hábitos de vida saudable e o compromiso co coidado e defensa do medio.

Alcanzamos as nosas metas educativas a través de actividades estimulantes e atractivas, xogos e moita diversión. Na nosa metodoloxía empregamos actividades todos os sábados pola mañá (que comezarán a partir do 24 de Outubro) tendo como espazo referencial o Espazo Xove (Casa da Xuventude) e que se combinarán con campamentos ao longo do ano, principalmente coincidindo coas vacacións de Nadal, Semana Santa e verán.

Primeira actividade 

Este campamento será unha forma de presentar o tipo de actividades que nos caracterizan como scouts que iremos traballando ao longo do ano. Faremos orientación, cociña de campaña, xogos, lume de campamento, rastrexo, cancións, moitas risas e en definitiva unha chea aventuras ambientadas no mundo da exploración que terán como base o albergue de Vilar de Ordelles, que xenerosamente nos cede o Concello de Esgos.

Será unha experiencia de contacto e respecto coa Natureza e totalmente gratuíta grazas á axuda da Xunta de Galicia a través do seu programa “Iniciativa Xove” e que inclúe a alimentación, aloxamento, materiais, actividades, seguros, monitores/as e o transporte de ida e volta a Ourense. A inscrición pode facerse a través da nosa páxina web, e previamente ao campamento teremos unha reunión coas familias dos e das participantes para despexar todas as dúbidas.

Procedencia do nome ILEX

ILEX é o nome en latín da aciñeira e tamén do acivro. Ambas prantas son propias da nosa xeografía e cun interesante valor natural e cultural. O acivro ten o valor simbólico foi a primeira pranta protexida de Galicia, propia das zonas de montaña ten bagas en inverno polo que é moi importante para o sustento e acubillo de aves nesta época. Pola súa banda, a aciñeira é unha árbore cunha madeira difícil de podrecer, algo que nos lembra a honestidade do carácter scout, e tamén é dura sendo usada como piares ou vigas, que tamén nos recordan a fortaleza dos valores nos que nos sustentamos.

2 de outubro de 2015 | 20:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.