publicidade hoxe

Na última campaña recolléronse máis de 63 toneladas de plásticos agricolas en Lalín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

A última campaña de recolección de materiais plásticos de uso agrícola xestionada pola empresa Simas S.L, en colaboración coas concellerías de Medio Ambiente e Actividade Gandeira,  deu como resultado  a acumulación de máis de 63 toneladas de residuos. En total a cantidade reunida e recolectada foi de 63.140 kg,  tal e como anunciou o concelleiro de Actividade Gandeira, Xosé Manuel Hermida, que valorou moi positivamente o rendemento da iniciativa.

Para o concelleiro é “moi importante” que se ofreza este servizo, xa que as ganderías producen unha enorme cantidade de residuos plásticos procedentes da ensilaxe, que son  moi contaminantes e non poden ser queimados nin depositados en colectores convencionais. A  complexidade do seu procesamento esixe que este tipo de refugallos sexan xestionados por empresas especializadas. Por iso, Hermida explicou que “aínda que na actualidade a recollida de plásticos de silo se fai dúas veces ao ano, o obxectivo é que no futuro se realice, polo menos, en tres ocasións, para evitar así que se acumule tanta cantidade de lixo ou que os gandeiros se desfagan dos plásticos de xeito inadecuado”. Neste senso, chamou á sensibilación dos produtores agrarios e demandou que “aqueles que teñan problemas cos residuos producidos nas súas explotacións se poñan en contacto co Concello para tratar de buscar unha solución, antes de actuar pola súa conta coa posibilidade de cometer unha falta contra o medio ambiente ou a saúde pública”.

Pola súa parte, a responsable da área de Medio Ambiente, Celia Alonso, recordou que a nova ordenanza medio ambiental ten un capítulo específico para a xestión de residuos agrarios. Este regulamento, contempla no seu artigo 26 que en ningún caso se poden queimar os plásticos de silo nin depositalos nos colectores, incorrendo estes feitos nunha falta que pode ser sancionada con ata 750 euros.

En concreto, a campaña de recollida de plásticos agrarios desenvolveuse dende o día 12 ao 21 de outubro, con recollidas específicas en diferentes datas e distintas parroquias do municipio. 

30 de outubro de 2015 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.