publicidade hoxe

Mos deseña unha liña de subvencións para as actividades extraescolares dos nenos con menos recursos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A concelleira de Educación mosense, Kely Monzón, anunciou na sesión plenaria de onte que “dende o Concello de Mos seguiremos a apoiar e axudar ós alumnos e alumnas mediante materias transversais coas que poidamos axudarlles no desenvolvemento do seu crecemento intelectual e creativo para beneficialos canto estea na nosa man a nivel educativo, e continuaremos coas clases de técnicas de estudo e motivación para evitar o abandono escolar, impulsaremos como ata o de agora as clases de aopio de calquera materia troncal durante a tempada estival (das que se poden beneficiar tódolos nenos e nenas de Mos e que son gratuítas para os pertencentes a familias sen recursos); e consensuaremos cos equipos directivos e docentes dos CEIPS unha nova liña de actividades”. Esta última e novidosa proposta que se deseñará en consenso co persoal profesional dos colexios públicos mosenses incluirá actividades lúdicas e creativas para o desenrolo do alumnado, que se ofertarán de cara ó vindeiro curso escolar incluíndo unha liña de subvencións que beneficien ás familias con problemas económicos de xeito que os seus fillos poidan acudir a aquelas clases que lles interesen, nas que destaquen positivamente e queiran mellorar aínda máis, ou nas que teñan dificultades e precisen axuda; sen necesidade de que teñan que ser obrigatoriamente inglés ou informática, xa que esta iniciativa contempla tanto esas dúas coma calquera outra.

O equipo de goberno mosense votou no Pleno de onte en contra dunha moción presentada polo grupo municipal GañaMos relativa á gratuídade de clases extraescolares de inglés e informática para nenos e nenas de familias con necesidades económicas alegando o deficiente nivel nestas materias na ensinanza Primaria pública. 

A concelleira de Educación de Mos, Kely Monzón, defendeu e argumentou a postura do grupo de goberno declarando que “os políticos non somos quen de valorar se os Centros Públicos de Educación Infantil e Primaria teñen bo ou mal nivel de inglés, esa valoración correspóndelle á comunidade educativa que, ademais de non presentar ningunha queixa ó respecto, non recibiu chamada nin contacto de ningún tipo por parte de GañaMos para interesarse polo grado de satisfacción con ambas materias, nin para contrastar se o suposto baixo nivel do alumnado nas mesmas era certo ou non”. 

Pola súa banda Monzón sí que mantivo encontros directos tanto coas direccións dos centros educativos coma cos mestres e mestras de inglés en concreto, obtendo como resposta a non existencia de maiores problemas ou dificultades por parte do alumnado de Educación Primaria nas asignaturas en cuestión respecto do resto de materias.

Por este motivo os membros do Partido Popular de Mos votaron en contra da moción de GañaMos. Esta negativa produciuse en primeiro lugar porque os populares mosenses non están de acordo coa exposición de motivos de GañaMos, na que dan a entender que o modelo educativo en vigor non garante as altas competencias dos alumnos de Primaria en inglés e informática e que non van ben preparados a Educación Secundaria nestas materias.

Neste sentido a edil Kely Monzón explicou que o inglés forma parte das materias troncais de Educación Primaria xunto con outras como poden ser matemáticas, lingua castelá e galega, etc.; e que no sistema educativo vixente dáselle a mesma importancia que a estas. Ademais a concelleira responsable da área municipal de Educación aclarou que “tampouco o Concello ten que suplir déficits nestas materias: un porque non consideramos que os haxa e dous porque non son competencia da administración local as asignaturas troncais”. E a este respecto Monzón puntualizou que sí competen ó Concello de Mos as materias transversais que son as que xa se traballan dende a concellería de Educación que ela dirixe, e que se levan ós centros educativos mediante actividades dentro e fóra do horario escolar lectivo, tales coma, seguridade viaria, concienciación medioambiental, técnicas de estudo e motivación, sexualidade etc.

A edil instou ademais ós membros de GañaMos a que “antes de presentar en Pleno unha moción deste tipo a contrasten coa comunidade educativa para confirmar se realmente existe o déficit que eles cren nestas materias, xa que se o houberan feito daríanse conta de que nin as direccións dos centros educativos nin as ANPAS expuxeron a necesidade dun apoio especial a estas materias, nin a demanda por parte de familias con dificultades económicas que tivesen nenos con necesidade de reforzo educativo nas mesmas e que non puidesen acceder a el por motivos monetarios”.

Aproveitou así mesmo Monzón para aclararlles que “o tratamento das TICS non é unha materia en sí mesma, senón unha ferramenta coa que o alumnado de Educación Primaria se inicia nas Novas Tecnoloxías”. Ferramenta que, segundo asegura a concelleira, estase a empregar en tódolos centros educativos públicos de Primaria de Mos. E ademais, respecto da informática, a comunidade educativa tampouco ten detectado que que exista unha problemática nesta materia en comparación co resto de asignaturas.

Xestións na Xunta de Galicia

Tras o Pleno de onte a concelleira Kely Monzón acudiu a reunirse co Xefe Territorial de Educación da Xunta de Galicia, César Péres Ares, e coa inspectora dos centros educativos de Mos, para presentarlles as necesidades prioritarias que teñen ditos centros e coñecer as axudas autonómicas coas que se vai a poder contar para o presente curso escolar. A edil presentoulles ós representantes da administración autonómica un listado detallado das necesidades de cada un dos cinco centros de Educación Primaria de Mos e propúxolles a posibilidade de que dende a consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria se acordara un compromiso para a realización dun plan estratéxico anual de actuación nos dous colexios mosenses que se atopan máis deteriorados e que son o CEIP Pena de Francia e o CEIP de Atín.

Por último, Monzón trasladoulles a problemática surxida este ano no servizo de adxudicación de varias paradas do transporte escolar de alumnos do Instituto de Ensinanza Secundaria e a preocupación municipal pola denegación de seis solicitudes, exactamente da parada da Porteliña e San Amaro; que reclamou se deriven á Secretaría Xeral Técnica. Ademais todas estas necesidades lle serán tamén trasladadas de inmediato por parte da concelleira mosense ó conselleiro de Educación, Román Rodríguez, reclamando unha resposta o máis pronta posible a este respecto á administración local.

27 de outubro de 2015 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.