Moncho Fernández: “Os equipos de Perasovic son agresividade, intensidade e velocidade”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Rio Natura Monbus Obradoiro viaxa esta xornada ao vitoriano Buesa Area, para buscar ante o Laboral Kutxa Baskonia a primeira alegría fóra de casa da tempada (domingo, 13.00 horas).

O técnico Moncho Fernández ve nos baskonistas “un equipo de primeiro nivel”. “Os grupos de Perasovic teñen sempre unha filosofía moi clara, tanto defensiva como ofensiva: agresividade, intensidade, velocidade; sempre presentes nos seus equipos. Laboral Kutxa Baskonia é un equipo moi ben armado fisicamente, atlético e potente”.

No partido contra os vitorianos, espera ver “saídas bloqueadas para xogadores como Corbacho ou situacións de pick and roll para todas as súas bases e escoltas”, aínda que cre que a clave do partido vai estar en “manter o seu nivel físico. A primeira parte da posesión xógana a un ritmo altísimo, recuperan moitos balóns e moitos dos seus puntos nacen de aí. Logo, ao final da posesión, o rebote defensivo é algo no que debemos mellorar e estar ben, xa que teñen a xogadores como Bourousis ou Planinic”, explicaba o técnico. 

Non escatima en halagos Fernández para o persoal baskonista, “con dúas bases de moitísimo nivel como Adams e James ou con xogadores que están a destacar como Causeur”, aínda que confía en que os seus “poidan competir. Creo que temos a conexión anímica e humana, e aínda que nos sigan faltando semanas para mellorar na táctica, agora estamos nese punto no que debemos facelo ao mesmo tempo que competimos”.

Será dúbida Alec Brown, que comeza a integrarse no traballo grupal durante a recuperación da súa edema óseo, e espera o adestrador contar con todos os demais efectivos, a pesar das molestias en respectivos tendóns de Aquiles coas que Santiago Yusta e Juanjo Triguero adestraron durante a semana. 

16 de outubro de 2015 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.