Moncho Fernández: “O Valencia Basket é un equipo solvente e serio que podería estar en Euroliga perfectamente”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Rio Natura Monbus Obradoiro pon mañá rumbo a Valencia, onde o sábado (20.00 horas) enfrontarase na Fonteta a un invicto nas tres xornadas xogadas de Liga Endesa: o Valencia Basket.

Moncho Fernández, técnico obradoirista, afronta a cita “pensando que podemos gañar, como en cada partido que temos, sen excepción”. Para iso, os seus, deberán “aproveitar as nosas armas cunha estratexia moi clara: chegar vivos ao último cuarto. Para iso, hai que perder poucos balóns para que non desenvolvan o seu contraataque; ser bos no un contra un, xa que as súas individualidades son boas tanto de costas como de cara; e logo, ter ese chisco de acerto ofensivo que sempre fai falta ante os grandes”, detalla.

O adestrador é consciente da dificultade que entrañan os taronxas: “É un equipo con moitísimos xogadores por posto, o seu adestrador case ten un dilema continuo con tanta xente boa en nómina”, chancea. “Son un fiel reflexo do que é Pedro Martínez: un equipo ordenado, que defende fenomenal. En definitiva, que leva a cabo todas as cousas que ao seu adestrador gústanlle a través de xogadores de tanto nivel”. Se tivese que definir aos levantinos só con dous adxectivos, teno claro: “É un equipo solvente e serio”.

Non se atreve o de Pontepedriña a destacar a ningún xogador: “Coa baixa de Van Rossom, Vives fixo o outro día un partidazo, e estou seguro de que este non é aínda o seu mellor nivel. É un campión de Europa moi novo, que seguirá sorprendendo”. Pero hai máis frontes abertas: “Rafa Martínez tamén fixo un partidazo en Eurocup, Sato, Lucic, Hamilton…É un colectivo que podería estar a xogar Euroliga no canto de Eurocup perfectamente”, declara. 

Respecto ao colectivo santiagués, o técnico asegura que “os xogadores están contentos porque as cousas vaian saíndo ben. Empezan a coñecer a cidade, a afección, e a vivir plenamente o que é estar en Rio Natura Monbus Obradoiro.  Pero son conscientes de que falta moito aínda, aínda que vaian vendo o que se espera deles e sentíndose máis cómodos”

Sen caer na euforia, “que fóra da cancha si é fantástica porque significa que a xente está ilusionada e pasándoo ben”, lembra que non hai que darse á autocompracencia: “Hai estados de forma por mellorar, un xogador sen debutar aínda, e moitas máis cousas. Temos que tentar ser mellores”.

No cadro galego, seguirá sendo baixa precisamente Alec Brown, aínda que con síntomas de mellora no seu estado. Angelo Caloiaro, aínda que o adestrador conta que “poida axudar”, tamén se perdeu esta semana varios adestramentos por un virus gastrointestinal. 

29 de outubro de 2015 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.