Moncho Fernández: “O CAI Zaragoza ten puntos na táctica e fóra de ela”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Rio Natura Monbus Obradoiro prepárase xa para o partido deste sábado en Sar ante CAI Zaragoza (20.00 – non televisado), encontro que será o segundo en casa da liga Endesa.

Ademais, a cita deportiva será unha das primeiras do fin de semana na cidade, e servirá de previa para a 38 Carreira Pedestre Popular de Santiago que se celebrará o domingo, e á que o club mostra un ano máis o seu apoio cunha promoción de entradas para os seus participantes.

Moncho Fernández compareceu nesta ocasión ante os micros nas instalacións do grupo de comunicación El Correo Gallego, principal impulsor da proba. Víctor Tobío, subdirector da entidade, foi o encargado de exercer como anfitrión. Tamén estivo arroupado polo conselleiro do club Rafa Silva, quen destacou que “para o Rio Natura Monbus Obradoiro é un pracer implicarse con calquera iniciativa deportiva nesta cidade que goza tanto do deporte, e máis tratándose dun proxecto con tanta traxectoria como esta carreira, que conta só sete anos menos que o club”

Silva animou tamén a participantes – preto de 6000 inscritos –  e non participantes a coñecer o ambiente de Sar nun encontro que ademais non se poderá ver en televisión, como os dous seguintes na cidade. 

Chegou a quenda de Moncho Fernández, que tras lembrar con nostalxia a primeira edición da pedestre, que correu con 8 anos, centrouse na cita que en dous días medirá aos seus cos maños. Aínda que coa baixa de Alec Brown, en cuxa recuperación o técnico pousa “optimismo porque vai dando pasos adiante con Óscar, Tomás e cos nosos servizos médicos da Rosaleda”, os obradoiristas afrontan o choque “con quince días máis xuntos que o primeiro partido, o que axuda a atopar a regularidade”

Do equipo de Lorente ve o perigo “en todos os seus postos”. “Teñen un persoal longo para suplir a baixa de Henry:  Tomás Belas xogará moitos minutos, e Sergi Garcia e Diener, se é necesario, xogarán tamén nesa posición”, prevee.  

Destaca que “máis aló do que diga a estatística, custa moito competir contra eles cada ano. Están a xogar moi ben e polo seu oficio e calidade teñen puntos na táctica e fóra de ela”.  Individualmente, non se limita a destacar a un en particular: “No perímetro teñen a Xastre, un xogador que o fai todo ben e que en breves chamará ás portas da selección; ou a Benzing, un xogador excepcional”. Interiormente, “todos coñecemos xa a Jelovac, aberto ou de costas ao aro; ou a Norel que vive unha mocidade eterna e é un dos mellores xogadores de costas ao aro que hai no país”.

O Rio Natura monbus Obradoiro, como indica o técnico, “un equipo que traballa, que leva ben e que llo pasa ben xogando”, irá a por todas diante da súa afección. 

22 de outubro de 2015 | 18:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.