Módulo formativo sobre igualdade de oportunidades e xénero no Pazo de Liñares
Os días 29 e 30 de outubro, a partir das 8:15 horas o alumnado do Obradoiro de Emprego Pazo de Liñares do Concello de Lalín, recibirá un módulo formativo de Sensibilización sobre Igualdade de Oportunidades e Xénero, cunha duración total de dez horas, que será impartido por Susi Payo Negro e Celso Taboada Lorenzo, axentes de igualdade do Concello.
A través desta acción formativa, realizarase un percorrido por aqueles conceptos que nos permitan visibilizar e reflexionar sobre as desigualdades entre mulleres e homes que se producen nos diferentes ámbitos: educativo, familiar, laboral, social, económico…
Abordaranse distintos bloques temáticos como son: os procesos de socialización diferencial, os roles e estereotipos de xénero, a división sexual do traballo, a conciliación entre a vida familiar, laboral e persoal, a corresponsabilidade, comunicación sexista, o uso sexista da linguaxe, a imaxe estereotipada das mulleres na publicidade e nos medios de comunicación, a violencia de xénero e outras formas de violencia e recursos para facerlle fronte.
Empregaranse diferentes recursos metodolóxicos: cuestionarios, imaxes publicitarias, campañas de sensibilización, supostos prácticos…, que apoien os contidos teóricos, fomenten a participación do grupo e permitan contrastar as ideas previas do alumnado.











