Metal Cluster organizou unha xornada sobre as innovacións tecnolóxicas e equipos de tratamento de superficies

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A FUNDACIÓN CLUSTER METALÚRXICO DE GALICIA (Metal Cluster Galicia) ten por obxecto a promoción e o desenvolvemento do sector metalúrxico galego para alcanzar un maior nivel de competitividade, innovación e investigación de todo o sector. Integra na súa estrutura a Asime, de maneira global, e ás súas empresas asociadas, de maneira individual e conxunta. Ademais, conta con entidades de interese para o sector: Universidades, Centros Tecnolóxicos, Centros Formativos e outras Sociedades Técnicas.

Metal Cluster Galicia, celebrou hoxe un almorzo de traballo baixo o título “Innovacións Tecnolóxicas nos Procesos e Equipos de Tratamento de Superficies”. 

A xornada foi inaugurada por Hugo Barreiro, Xestor de Innovación en Metal Cluster Galicia, que fixo un breve repaso das actuacións que está a levar a cabo a Fundación en diferentes ámbitos relacionados coa innovación. Fixo especial fincapé no Programa de Apoio para a Dedución Fiscal por Actividades de I+D+i (DED) de Metal Cluster, que comeza cun diagnóstico gratuíto previo das actividades da empresa para identificar oportunidades de dedución. Declarou que: “en materia de deducións fiscais, a experiencia demóstranos que as empresas identifican parte dos gastos dos proxectos de Investigación, pero non todos, e moi pouco Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica”.

Ademais resaltou que: “a Bolsa de DED podémola utilizar durante 18 anos, con esta medida trátase de favorecer a competitividade porque priman o beneficio e apoian a I+D+i efectivamente executada.”. “Desde Metal Cluster facemos un diagnóstico previo das actividades de I+D+i e a procura de I+D oculto, posteriormente realizamos un informe económico, técnico e incluímos a certificación e o informe motivado.”

Nesta xornada contouse coa intervención de Anxo Mourelle, CEO de Equipos e Cabinas Lagos, quen presentou os servizos que poden ofrecer ás empresas do sector no ámbito de Innovacións Tecnolóxicas nos Procesos e Equipos de Tratamento de Superficie. É unha empresa que tenta estar preto do cliente sendo o seu eixo vertebral o sector da mobilidade, estando presentes en offshore, onshore, etc.

Anxo Mourelle resaltou que: “A nosa vantaxe competitiva é estar presente en industrias punteiras, resolvendo os problemas dos nosos clientes utilizando I+D+i”. Ademais manifestou que: “as empresas deben centrarse na redución de custos e, actualmente, faise medioambiente de produto, non só medioambiente de fábrica.”

Neste punto, explicou que melloraron o acabado dos seus traballos coa aplicación de infravermellos, aplican o Lean Smart Painting e o LeanThinking co obxectivo de reducir os custos para o cliente e incrementar a eficiencia. “Doutra banda implantamos unha medición de consumo eléctrico e consumo térmico, xunto cos tempos de ciclo.” Ademais declarou que: “temos unha solución robotizada que imita as habilidades dun operario, con extrema precisión nestas variables: posición, velocidade e caudal. O proceso está en fase de desenvolvemento e inminente comercialización”.

20 de outubro de 2015 | 12:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.