Medio Ambiente impulsa un curso de formación de guías no parque nacional das Illas Atlánticas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

O próximo día 21 comeza en Vigo a fase presencial do curso de “formación de guías na rede de Parques Nacionais”. Este curso realízase grazas á colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o Organismo Autónomo de Parques Nacionais (OAPN).

Así, o OAPN encargouse da formación en liña, e o Parque Nacional das Illas Atlánticas da parte presencial, que se desenvolverá no Centro de visitantes do Parque Nacional de Vigo e nas Illas, dependendo das condicións meteorolóxicas.

A fase presencial deste curso, que se prolongará ata o próximo día 23, é de carácter gratuíto e contará cun total de 50 alumnos, todos eles seleccionados a través dunha convocatoria pública.

Durante os próximos días, os participantes formaranse en diversos aspectos de interese relacionados coa mellora do patrimonio natural e a biodiversidade. Por exemplo, coñecerán as distintas redes de espazos protexidos existentes a nivel estatal e europeo, ou afondarán na lexislación e normativa que afecta ao Parques Nacionais.

Ademais, tamén se lles facilitarán recursos e coñecementos relacionados co uso público dos espazos protexidos.

A principal mensaxe que se busca transmitir a través desta actividade formativa é recordar que a protección dos espazos e especies pode contribuír ao benestar tanto das persoas que os habitan, como dos turistas que se achegan a visitalos.

19 de outubro de 2015 | 13:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.