Medio Ambiente garante a legalidade e control exhaustivo das obras do río Xallas
O director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, garantiu hoxe durante a súa comparecencia en comisión parlamentaria a “legalidade, control, e seguimento exhaustivo” das obras de construción dos tres novos saltos que se están acometendo no río Xallas.
Mosqueira precisou que estas obras obedecen a modificacións concesionais outorgadas en 2004. En concreto, estas actuacións teñen por obxecto a repotenciación de saltos aproveitando as presas xa existentes.
As obras destes tres saltos contan con expediente de modificación concesional e proxecto construtivo aprobado por Augas de Galicia. Ademais, contan con Declaracións de Efectos Ambientais (DEAs) favorables do ano 2002, e con proxecto sectorial aprobado polo Consello da Xunta en 2012.
Polo tanto, segundo explicou Mosqueira, “todas as actuacións executadas, no ámbito das competencias de Augas de Galicia, leváronse a cabo contando coa previa autorización deste ente público, así como con informe favorable dos diversos órganos competentes nos seus correspondentes ámbitos de actuación”.
Por outra banda, o director de Augas de Galicia fixo fincapé en que se está a realizar un seguimento continuo da obra civil dos saltos, así como do cumprimento das DEAs. Así, como consecuencia das incidencias detectadas nas visita de obra e da valoración de informes de seguimento, estanse a realizar requerimentos ao promotor. De feito, mesmo se teñen establecido medidas cautelares, coa paralización de actuacións observadas fóra da zona de obra autorizada. Ao respecto, hai iniciados dous expedientes sancionadores: un deles xa resolto coa imposición dunha sanción á empresas, e outro en tramitación.
Ademais, tras inspeccións específicas, localizáronse exemplares de especies ameazadas, polo que se requeriu ao promotor das obras para que adoptara medidas protectoras adicionais, co obxectivo de protexer as poboacións das especies evitando o acceso de persoal e maquinaria. Tamén se está realizando un seguimento continuo deste aspecto.
“O trámite de avaliación ambiental é un proceso continuo. No caso de detectarse novos impactos ambientais, poderanse implementar novas medidas de seguimento, correctores ou compensatorias, de ser preciso”, rematou Mosqueira.











