‘Me llamo Suleimán’ chega ao Teatro Colón
O vindeiro venres 23 de outubro chega ao Teatro Colón ‘Me llamo Suleimán’. O espectáculo producido por unahoramenos fala da inmigración e está recomendado por Amnistía Internacional e La Red Española de Teatros. Poderá verse nunha única función o venres 23 ás 20:30 horas.
‘Me llamo Suleimán’ é a adaptación teatral da novela homónima de Antonio Lozano, narra a odisea dun neno que farto da terrible situación de pobreza que vive no seu país, Malí, decide marchar xunto ao seu amigo Musa á próspera Europa. Interpretada pola actriz Marta Viera e baixo a dirección de Mario Vega a obra incide na importancia que os problemas de migración e asilo acadaron nas últimas décadas e reflexiona sobre os conflitos que a discriminación, a xenofobia e o racismo crean nas comunidades.
A proposta é unha ferramenta fundamental para conseguir que o público comprenda ás motivacións dos inmigrantes a través da identificación emocional. Suleimán non é unha suma de datos nin de imaxes impactantes, é un drama humano que expón no corazón do espectador a primeira e máis importante peza para achegarnos ao seu universo: a percepción dos seus anhelos e ambicións como iguais aos nosos.
Aberto o prazo de inscrición para o seminario que impartirá Javier Martín en novembro
O bailarín e coreógrafo coruñés Javier Martín, que está a desenvolver unha residencia de investigación no Teatro Colón, dará un seminario de artes do movemento do 3 ao 5 de novembro en horario de 20:30 a 22:30 horas. O obradoiro non está dirixido só a bailaríns senón a todo aquel que teña pensado dedicarse á arte en calquera das súas vertentes ou explorar a propia creatividade.
‘O Corpo Fantasma’ é un seminario no que interesa descubrir e optimizar ferramentas perceptivas, simbólicas e políticas que potencian os procesos creativos de cada un, achegándonos ao corpo e ás artes do movemento dende un sen fin de ópticas –anatómicas, poéticas, místicas, sociais, folclóricas e de vangarda, psicolóxicas …- poñendo a proba as crenzas de todos e conectándonos co orixinal que hai en nós. A inscrición pode facerse a través de calquera dos puntos habituais de venda de entradas do teatro.
As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.ataquilla.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na Sede AFundación A Coruña, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado de 9.00 a 21.00 horas. Ademais no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche.











