Martiño Noriega: “Non imos pedir perdón por gañar nin ser consecuentes co programa”
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, defendeu o programa electoral de Compostela Aberta e os primeiros pasos dados polo seu goberno, entre os que destacou a participación cidadá e o diálogo cos “barrios”, que se establece a diario con visitas. Tamén reivindicou que, no documento co que se presentaron ás eleccións, levaban medidas como a “progresividade” fiscal que agora queren implantar nos impostos de índole municipal, malia críticas que chegan da oposición.
“Non imos pedir perdón por gañar, nin por intentar ser consecuentes coas nosas propostas programáticas. Levo catro meses explicando por que tomamos medidas no noso programa electoral; o resultado pode ser o xogo democrático, pero non imos pedir desculpas por intentar impulsar iniciativas”, advertiu Noriega, quen proclamou que a candidatura de unidade popular pola que se presentou “chegou para quedar, non nominalmente, senón como concepto”.
Así, explicou que non se refire ás persoas que actualmente ocupan o goberno, senón ao “proceso de cambio evidente” e que irrompeu nos municipios para “osixenar as institucións”. Ao fío diso, resaltou que “non existe a carreira de cargo público” para reivindicar que, salvo el (que estivo oito anos á fronte da Alcaldía de Teo), ningunha das persoas que está no seu goberno pasara pola experiencia de estar á fronte dunha institución.
Na súa intervención no Fórum Europa, no que foi presentado polo representante de Foro Cívico de Santiago, Delmiro Prieto, e ao ser preguntado por se se sente sorprendido polas posicións do PSOE na oposición, Noriega mantivo que “as posicións dos diferentes actores nos concellos están dentro da lexitimidade de cada un para mantelas”, aínda que observou que hai “contradicións” e concluíu que “a cidadanía será a que xulgará”.
Previamente, avisara de que le “sorprenden determinados discursos destrutivos”, pero que acepta “deportivamente o debate de partes”, en relación a asuntos como a necesidade de “priorizar” actuacións e a que un dos “retos” é duplicar o gasto social, para o que fan falta recursos.
Noriega subliñou que o “compromiso” que o seu goberno levaba no programa electoral era implementar “progresividade” fiscal, “gravando máis aos que máis teñen”, co fin de lograr “ingresos que garantan a realización” das súas actuacións “alternativas”. “Non podemos dicir que imos resolver os problemas de infraestruturas, se non hai unha repartición da carga e ingresos abondos”, exemplificou.
CANDIDATURA E RETO DA GRAN CAPITAL
Na súa intervención, o rexedor compostelano encadrou o éxito da candidatura de unidade popular, que foi a lista máis votada o pasado mes de maio, no feito de que se sumasen os cidadáns. “Por iso estamos aquí, aínda que a unidade popular se quere pintar de sopa de siglas, é un lugar de encontro de reivindicación do xusto”, defendeu.
Noriega remarcou que chegaron ao goberno local para “restaurar a confianza, algo que pode parecer menor, pero que é o principal problema”, porque a xente está “desanimada, descrida, frustrada e con pouca tolerancia”.
Así mesmo, na súa intervención, no marco da cal apelou de novo ao legado do exrexedor socialista Xerardo Estévez, Noriega estableceu, entre os retos, “construír a gran capital” e unha “carta de dereitos cidadáns” que implique a toda a súa área de influencia.
Logo, preguntado especificamente pola mancomunidade, censurou que “non foi capaz de poñer enriba da mesa, máis alá de coordinar viaxes a Latinoamérica” propostas de cooperación. “Non é disolver, senón poñer en marcha outras dinámicas, coordinar transporte, emerxencias…”.
Ligado a iso, e con respecto á fusión de concellos, se na súa intervención inicial apelou a que “por que non soñar cunha carta de dereitos cidadáns”, para normalizar o uso compartido dos servizos dos veciños dun e outro concello; despois insistiu en que non quere “poñer o lazo ao rato” sen chegar a cazalo. “¿Por que non unha grande capital, de 350.000 habitantes?, pero iso ten que chegar”, indicou.
Sen saír do espazo de cooperación, Noriega tamén destacou o “traballo en rede” con outras candidaturas de unidade popular que lograron accede aos concellos, como A Coruña, Zaragoza e Cádiz -citou-, e indicou que os gobernos locais das tres cidades galegas, e con outras candidaturas de unidade popular máis pequenas, se veñen mantendo contactos.
Por outro lado, no seu discurso tamén mencionou a situación para a construción dunha nova estación depuradora, que corre risco de perder os fondos europeos se non se executan as obras. Ao respecto, pediu á Xunta que “rectifique os presupostos” e “recolla tamén a dotación autonómica” para conseguir a construción da EDAR. “Unha cidade non se pode permitir un delito ecolóxico”, reivindicou, en alusión á necesidade de depurar as augas.
Noriega, quen lamentou que o “teito de gasto condiciona todas as políticas” municipais e que espera que ao longo desta lexislatura se reverta a situación orixinada pola modificación da lei de réxime local, volveu rexeitar xuízos “sumarísimos” sobre o edil Rafa Pena polos seus comentarios en Facebook que foron obxecto de polémica e polos que deu explicacións. Ademais, censurou posturas “hipócritas” e chamou á reflexión de como se utilizan as redes sociais en xeral.
PRESENTACIÓN INUSUAL
Delmiro Prieto, do Foro Cívico, realizou a intervención de presentación, unha entrada inusual neste tipo de actos, xa que, malia que o habitual é que quen introduce ao protagonista faga unha descrición do relator, neste caso agradeceu o “xesto” de levar a unha persoa da rúa, pero chegou a lanzalo unha crítica por non estar na inauguración do curso académico universitario.
En todo caso, destacou o feito de ser invitado e chamou a conseguir un “liderado dunha cidade algo adormecida”. Así mesmo, fixouse en que son “momentos de cambios” nos que estará á expectativa do que aconteza na capital galega, co convencemento de que “quen ten que liderar a cidade, ten que botala ás costas á cidade”.
Noriega, pola súa banda, agradeceu a “valentía” de Delmiro Prieto e contestoulle a súa crítica que “non se pode estar en dous sitios” á vez. En todo caso, asegurou que o Concello non só está representado polo alcalde, senón que tamén hai “voceiros” dos grupos e tenentes de alcalde. “Porque aínda que o intentamos, non podemos estar en todos os sitios, mesmo con complexos vitamínicos e ilusión”, sentenciou.











