Martiño Noriega elude confrontacións persoais porque o que lle interesa é que haxa candidatura de unidade
O alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega (Compostela Aberta), quixo desvincularse de confrontacións persoais a apenas uns días de que haxa de resolverse a fórmula de concorrencia ás eleccións xerais, e fixo fincapé en que o que lle “interesa” é o “resultado”, no sentido de que haxa unha candidatura de confluencia.
“Non vou entrar en valoracións persoas. Necesitamos candidaturas fortes, da esquerda social para as xerais e para as autonómicas”, manifestou, en declaracións aos medios, o rexedor compostelano e covoceiro de Anova con Xosé Manuel Beiras (faceta que deixou de lado dende a súa candidatura en Compostela Aberta).
Noriega insistiu en que o que lle “interesa é o resultado final”, na “medida en que sexamos capaces de ter unha candidatura que sexa capaz de xerar ilusión, que sexa capaz de representar ao país, pero tamén nun contexto de unidade popular, de cambio a nivel de Estado”.
Se se dan esas condicións, dixo, sentirase “satisfeito”, ao igual que, agregou, “moitos homes e mulleres deste país”.
En canto ao ton que ha alcanzando o debate entre as dúas plataformas que avogan por unha candidatura de confluencia e os dirixentes das organizacións, Noriega manifestou que pode que “algúns estean a poñer a venda antes que as feridas”, pero insistiu en que del non van saír declaracións que sexan un obstáculo no proceso de unidade popular”.











