María Reimóndez presenta en Lugo “A música dos seres vivos”
A escritora María Reimóndez achégase este venres, 30 de outubro, ata a súa cidade natal para presentar a súa última novela “A música dos seres vivos”. O acto será na Librería Trama (Avenida da Coruña, 21) ás 19.00 horas, organizado pola propia librería e Edición Xerais.
Xunto coa autora estarán o tamén escritor e subdirector de Edicións Xerais Fran Alonso e a artista Mercedes Peón, que fará unha colaboración musical durante a presentación do libro.
“A música dos seres vivos”, o novo libro de Reimóndez, forma parte do “Ciclo dos elementos”, un proxecto literario a longo prazo ao que tamén pertencen “Dende o conflito”, a novela gañadora do Premio Xerais 2014, e “En vías de extinción” (Xerais, 2012).
Todas elas son novelas a un tempo independentes e interdependentes, nas que se vai debullando o tecido mesto que entretece diferentes personaxes. Cada unha dá voz e espazo a protagonistas que logo asumen papeis secundarios noutros volumes.
A última en incorporarse ao Ciclo, “A música dos seres vivos”, é unha historia de fragmentos que doen ata comprender que hai cousas que fican sempre rotas. Máis precisamente das súas fendas nace a forza coa que enfrontar o mundo.
Neste caso é MK, personaxe secundaria de “En vías de extinción”, quen deixa soar a súa historia en cada corte do álbum que marca a súa vida. Todo o mundo semella coñecela, a cantante de moda cunha carreira xa prolongada no tempo, a voz prodixiosa, e a súa excéntrica moza, Gaia. Mais, quen é MK? Que acontece antes de saír ao escenario? Que é o que fica cando as luces esmorecen? Cando remata a última xira? No intre en que pechan os micros das roldas de prensa? Se cadra o silencio é preciso para o reencontro cunha mesma. Se cadra nin a propia música ten sentido sen os espazos dos que non escapa ningún son.
A presentación do libro en Lugo enmárcase dentro da iniciativa “Venres nas liberías”, que puxeron en marcha o pasado ano dende a Xunta de Galicia para programar encontros entre as autoras e autores galegos e o seu público lector. O obxectivo é mellorar os índices de lectura a fomentar o consumo de libros. Edicións Xerais, editora de “A música dos seres vivos”, forma parte desta iniciativa.











