Marea de Vigo cre que o nomeamento de Vázquez Almuíña supón continuidade na privatización sanitaria do PP

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
Europa Press

O grupo municipal da Marea de Vigo lamentou este luns que o nomeamento de Jesús Vázquez Almuíña como novo conselleiro de Sanidade, en substitución de Rocío Mosquera, supón a “continuidade” da política “privatizadora” do PP en materia de sanidade.

O portavoz da Marea, Rubén Pérez, lembrou que Vázquez Almuíña estivo “vinculado” ao hospital privado Povisa, e criticou que “a porta xiratoria” desde este hospital ao Sergas “perpetúa” o custoso convenio co centro e “garante que a área sanitaria de Vigo estea vampirizada polo negocio privado dos Silveira”.

O concelleiro advertiu de que “un cambio de cara non suporá novidade na xestión do modelo sanitario do PP”, xa que “os males” causados na posta en marcha do novo hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) “requiren dun cambio de goberno no Estado e en Galicia”.

Na mesma liña, a concelleira Margarita López Barreiro insistiu en que o novo conselleiro non traerá cambios porque “o modelo privatizador do PP está atado e ben atado”, e advertiu de que serán necesarias “grandes mobilizacións” para garantir unha sanidade pública, gratuíta e de calidade.

5 de outubro de 2015 | 18:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.