Máis de cen cargos electos asisten ao programa de formación organizado pola Deputación da Coruña
A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín ofreceu a “máxima colaboración e cooperación cos concellos, fundamentalmente pequenos e medianos” na apertura do curso de formación destinado a cargos electos das entidades locais que se está a desenvolver no Pazo de Mariñán.
Máis de cen cargos electos, concelleiros e concelleiras mais tamén alcaldes e alcaldesas, das entidades locais participan na xornada de formación organizada pola Deputación da Coruña que foi inaugurado esta mañá no Pazo de Mariñán pola vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín. Xestión orzamentaria, contratación administrativa, subvencións, facenda local e xestión de persoal son as áreas que compoñen este programa que busca formar e actualizar en especial aos novos cargos electos en contidos e ferramentas de vital importancia para o desenvolvemento do seu papel como representantes públicos.
“A Deputación quere ofrecer a máxima cooperación cos concellos, en especial aos pequenos e medianos e por iso poñemos ao seu servizo recursos económicos, técnicos, patrimoniais mais, sobre todo, capital humano que é moito e moi importante”, sinalou Goretti Sanmartín, dun curso no que participan as unidades administrativas do organismo de Intervención Xeral e Xestión Económico-Financeira-Servizo de Orzamentos, Estudos e Asistencia Económica; Tesourería e Xestión de Tributos, Servizo de Patrimonio e Asesoría Xurídica.
Dirixiuse tamén Goretti Sanmartín aos cargos electos reunidos no Pazo de Mariñán para solicitar “colaboración no proceso de dignificación do galego, en especial na galeguización dos servizos municipais, para que a nosa sexa unha lingua máis viva e máis útil”. “As persoas hoxe aquí presentes somos responsables de implementar boas prácticas en igualdade, ecoloxía e políticas lingüísticas transversais positivas a favor do galego no seo das nosas respectivas administracións”, engadiu a vicepresidenta da Deputación, ao lembrar que a local, como a administración máis próxima á cidadanía, resulta indispensable no proceso de recuperación e dinamización da nosa lingua.











