publicidade hoxe

Máis de 700 estudantes presentaron a súa solicitude na convocatoria de bolsas municipais da Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Máis de setecentos estudantes optarán a obter unha das axudas á escolarización municipais convocadas polo Concello da Laracha -programa ao que se destinarán neste curso a cantidade de 55.000 euros- tras presentar a súa correspondente solicitude no prazo legalmente establecido.

A continuación, nos próximos días a Comisión de Valoración analizará todas as instancias presentadas, sempre dando prioridade a criterios económicos –beneficiando ás familias con menos recursos- e tamén educativos –mellores expedientes académicos-. Esa proposta será elevada á Xunta de Goberno para a súa aprobación, momento no que o Concello comunicará a decisión aos bolseiros, informándolles da documentación que deberán achegar antes de realizarse o pagamento da mesma.

A finalidade esencial da convocatoria de bolsas de estudos municipais é a concesión de axudas económicas ás familias ou directamente aos alumnos maiores de idade para atender os gastos orixinados polo comezo do curso escolar (material didáctico complementario, vestiario e outros gastos directamente relacionados con el), facilitando, deste xeito, o proceso de formación como un elemento fundamental para o desenvolvemento persoal dos veciños da Laracha.

Optan a ser beneficiarios das axudas estudantes de calquera tipo de curso oficial de formación: educación infantil, primaria, secundaria, programas de garantía social, bacharelato, ciclos formativos de grao medio ou superior, universitarios ou alumnos con necesidades educativas  especiais.

As bolsas de estudos que concede o Concello da Laracha son compatibles coas convocadas por outras administracións.

8 de outubro de 2015 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.