Máis de 1.300 deportistas participarán na XVI Carreira Pedestre Popular de Ames
Este domingo, 18 de outubro, celebrarase a XVI Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames. O número de inscritos/as mantense respecto das últimas edicións superando o milleiro de deportistas. Este ano agárdase que máis de 1.300 persoas participen nesta carreira popular. Arredor de 700 nenos e nenas están inscritos na carreira escolar, mentres que na proba absoluta hai inscritas arredor de 600 persoas. Na proba absoluta participarán a atleta profesional Esther Pedrosa e o exciclista profesional Ezequiel Mosquera. A saída da proba estará instalada nos arredores do Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Avenida José Luís Azcárraga). Os adultos terán que percorrer unha distancia de 10.200 metros, mentres a distancia da carreira dos nenos/as variará segundo a categoría e a idade dos participantes.
A localidade de Bertamiráns acolle este domingo, 18 de outubro, unha nova edición da Carreira Pedestre Popular Concello de Ames. Os corredores que participen na proba absoluta tomarán a saída ás 10:30 horas da mañá dende o contorno do Pazo da Peregrina. As categorías xúnior, promesa, sénior e veteranos, é dicir, os nacidos no ano 1997 e anteriores, percorrerán un total de 10.200 metros. Ás 12:00 horas, tras a competición absoluta, está previsto que comecen as probas da categoría pitufo –nados no ano 2011 e posteriores–, que correrán unha distancia de 200 metros. A esta seguiranlle os grupos prebenxamíns (350 metros), benxamíns e alevíns (1.000 metros), infantís (2.000 metros) e cadetes e xuvenís (2.800 metros), é dicir, todos os nacidos entre os anos 1998 e 2010.
Os dorsais retiraranse na secretaría da organización situada no Pazo da Peregrina o día anterior á carreira (sábado, 17 de outubro) en horario das 17:00 ás 20:00 horas ou no mesmo día da carreira ata media hora antes da proba correspondente. Para non gardar colas recoméndase recoller o dorsal o día anterior no lugar establecido. Os participantes deberán ademais colocarse na zona de saída 10 minutos antes do comezo de cada proba.
Participan Esther Pedrosa e Ezequiel Mosquera
Este ano agárdase que máis de 1.300 persoas participen nesta carreira popular. Arredor de 700 nenos e nenas están inscritos na carreira escolar, mentres que na proba absoluta hai inscritas arredor de 600 persoas. Na proba absoluta participarán a atleta profesional Esther Pedrosa e o exciclista profesional Ezequiel Mosquera. Ademais, no pavillón polideportivo de Bertamiráns habilitarase un servizo de duchas e aseo para todos os deportistas que queiran usalo.
Segundo explicou o alcalde de Ames e concelleiro de Deportes, José Miñones, “xa está todo preparado para que se celebre con total normalidade a XVI Carreira Pedestre Popular do Concello de Ames na que este ano se inscribiron máis de 1.300 deportistas. Agardamos que esta carreira sexa un festa do deporte amesá e na que participen tanto atletas profesionais como persoas a nivel afeccionado”.
Recibirán trofeos os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculinos e femininos e tamén os tres primeiros absolutos masculino e feminino. Os premios non serán acumulativos. A entrega de trofeos farase ao rematar a carreira. Aos atletas que obteñan algún premio poderáselles solicitar que acrediten a súa idade coa presentación do DNI ou pasaporte. Cómpre salientar que todo corredor ou corredora que chegue á meta sen o seu dorsal ou non o leve colocado de xeito correcto na zona do peito, será automaticamente descualificado.
O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo na Delegación de Santiago de Compostela. Aínda que a proba sexa de carácter estritamente deportivo e popular, admitiranse reclamacións, pero agárdase un espírito e un comportamento deportivo por parte de todos os participantes. As reclamacións aos resultados oficiais formularánselle ao xuíz árbitro da competición non máis tarde de 30 minutos despois da publicación dos resultados.
Cortes de tráfico e restricións de estacionamento
O Concello de Ames informa que durante a celebración da carreira haberá cortes esporádicos de tráfico nalgúns puntos do percorrido. Dende as 8:00 ata as 12:00 horas cortarase o tránsito de vehículos na Avenida José Luis Azcárraga, Travesía da Peregrina, Rúa da Fragua, Rúa da Xunqueira, Rúa Alcalde Lorenzo (DP 0205), Aldea de Sisalde, Urbanización “As Cortes”, Rúa Revolteada, Rúa Ribeira de Maguxe, Cruce Avenida da Maía (AC-543 P.K.7) e Rúa Rosaleda.
Posteriormente, entre as 12:00 a as 14:00 horas, cortarase o tránsito de vehículos na Avenida José Luis Azcárraga, Rúa Lodeiro, Travesía de Lodeiro, Rúa da Telleira, Rúa do Cómaro e Rúa do Camiño Novo. Ademais, queda prohibido estacionar na rúa Avenida José Luís Azcárraga dende as 6:00 ata as 15:00 horas do domingo 18 de outubro.











