Lugo toma nota do modelo de mobilidade pontevedrés
Unha delegación luguesa encabezada por concelleiros do BNG, PP e C´s visitaron hoxe Pontevedra para coñecer o seu modelo de cidade e as semellanzas que poden establecerse entre as dúas cidades a efectos de aplicar as mesmas receitas. Da delegación formaban parte 20 persoas, entre as que se atopaban representantes de asociacións de comerciantes, veciñais e colectivos como Masa Crítica, de usuarios da bici.
Luís Latorre, presidente da Asociación de empresarios comerciais Lugo Monumental, manifestou que el xa coñecía o modelo de cidade pontevedrés polos seus contactos con colegas da nosa cidade, e tiña especial interese en que outras persoas comprobasen sobre o terreo o seu funcionamento. O concelleiro Rubén Arroxo tivo tamén palabras de louvanza para Pontevedra, pois pensa que a capital luguesa pode tomar camiños semellantes.
Ademais da presentación do alcalde, tomaron parte na explicación o enxeñeiro municipal, Jesús Gómez Viñas; o director xeral, Xosé Manuel Tato, e o Intendente Principal da Policía Local, Daniel Macenlle. Completaron a xornada cunha visita ás principais zonas comerciais da cidade, acompañados polo alcalde e o concelleiro de mobilidade, Luís Bará.











