López-Chaves participa na presentación da empresa de servizos loxísticos de produtos perecedoiros ´Vigo Fresh Port
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, participou esta mañá no acto de presentación da empresa de servizos loxísticos de produtos perecedoiros ´Vigo Fresh Port´, que dende hoxe mesmo comeza a funcionar no peirao de Guixar do Porto de Vigo.
López-Chaves considerou “moi importante” a posta en marcha desta nova terminal especializada para o intercambio modal de produtos perecedoiros (froita, vexetais, flores, etc.), tanto para a importación coma para a exportación facendo referencia así á súa etapa coma presidente da Autoridade Portuaria de Vigo.
Neste senso, animou a toda a comunidade portuaria a seguir nesta liña de traballo e cooperación para que o Porto de Vigo sexa a ser o “motor económico que xa é”. “Ampliar o tráfico de produtos perecedoiros era moi importante”, considerou López-Chaves gabando o proxecto que hoxe se pon en marcha. “Foi posible grazas a colaboración e traballo de todos”, dixo o delegado. “Había vontade da empresa e do Porto para que se conseguisen estes tráficos”.
´Vigo Fresh Port´ contou cun investimento de 820.000 euros. O seu obxectivo é desenvolver o tráfico da importación das froitas e outros produtos perecedoiros, á vez que quere desenvolver o fluxo de mercancías intraeuropeas. Conta cunha superficie cuberta de 1.000 metros cadrados totalmente acondicionada para o tratamento de mercancías de temperatura controlada así como 5 cámaras refrixeradas cunha capacidade de almacenamento de 4.500 m3. Para o cambio de intermodalidade, a terminal terá 12 peiraos de carga e unha parcela veciña de 4.000 metros para futuras ampliacións, así como o almacenamento de contedores de temperatura controlada e as súas correspondentes conexións de frío.











