Lete Lasa visita a selección nacional feminina de loitas olímpicas concentradas en Pontevedra
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou no día de hoxe a selección feminina de loitas olímpicas que permanecen concentradas no CGTD dende o pasado 19 de outubro. Das 19 mulleres convocadas, 7 pertencen a clubs galegos, polo que case o 40% do equipo nacional feminino é galego.
As deportistas galegas convocadas pola Federación Española para esta concentración son: Carmen Salgado Ave e Lidia Pérez Touriño (Club de Loita Pontevedra), Judit Varela, Iris Miguelez, Noelia Lalín e Nerea Pampín, (Club de Loita Keltoi de Vila de Cruces) e Sara Viéitez Mariño (Club de Loita San Ignacio).
Ata o 24 de outubro permanecerán adestrando nas instalacións do CGTD como preparación para torneos internacionais e para a tempada 2015/2016, realizando adestramentos específicos e utilizando o novo tatami recentemente instalado no Centro. Ao cargo do grupo estarán o seleccionador nacional Francisco Barcia, a adestradora nacional Antonia Torres e os técnicos do Centro Nacional de Tecnificación de Pontevedra, Alexander Katchelaev e Marcos Miragalla.
Lete Lasa quixo poñer en valor tamén o importante crecemento que está a vivir o deporte feminino na nosa Comunidade Autónoma: “son moitas as deportistas galegas que nos representan nas esferas nacional e internacional en moi distintas modalidades e especialidades deportivas”, afirmou o secretario xeral, para quen este proceso necesita seguir sendo apoiado pola Administración autonómica e por todos os axentes do Deporte galego.











