publicidade hoxe

“Las uvas de la ira” proxectarase na biblioteca de Marín este xoves

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+

A Biblioteca Pública Municipal de Marín acollerá mañá xoves, a partir das 21:00 horas, a proxección da película “Las uvas de la ira”, un clásico de 1940 dirixido por John Ford, con Henry Fonda e Jane Darwell como protagonistas. Con esta proxección do cineclub do Ateneo Santa Cecilia remata o ciclo sobre “Inmigración e refuxiados”, no que tamén se visionaron os filmes “Una vida mejor” e “Almanya”.

No caso de “Las uvas de la ira”, baseada nunha novela de John Steinbeck, é a historia dunha familia norteamericana que emprende unha longa viaxe a California fuxindo da pobreza. Distinguida con dous Oscars á mellor dirección e á mellor actriz secundaria, tamén recibiu premios do Círculo de Criticos de Nova York, entre outros recoñecementos. Está considerado un documento imprescindible sobre a depresión que afectou os Estados Unidos nos anos 30 do século pasado. 

O próximo ciclo cinematográfico programado polo Ateneo Santa Cecilia para o mes de novembro estará dedicado á educación. Entre os filmes que se proxectarán destacan o documental francés “Camino a la escuela”, patrocinado pola UNESCO e dirixido por Pascal Plisson en 2013, a partir da vida real de catro nenos; e a película -tamén francesa- “La profesora de Historia”, de Marie-Castille Mention-Schaar, que estivo nominada en 2014 aos Premios César na categoría de mellor actor revelación, pola interpretación de Ahmed Drame. 

Os ‘Xoves de cine’ do Ateneo Santa Cecilia, que contan coa colaboración do Concello de Marín, están abertos á participación da cidadanía: a entrada é de balde ata completar o aforo da sala. A cada proxección séguelle un pequeno coloquio do público para afondar no argumento da película, fomentar a reflexión e o debate colectivo sobre a problemática que se plantexe, en relación á situación da sociedade actual. 

28 de outubro de 2015 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.