Lalín logra un novo aforro de 46.000 euros nos gastos derivados da compra do parking europa
O alcalde de Lalín acadou hoxe un novo aforro de 46 mil euros nos gastos derivados da compra do Parking Europa. Rafael Cuíña mantivo esta mañá un novo encontro con membros da familia Portas e Acuña, antiga propietaria do aparcadoiro, para negociar o pagamento das cantidades pendentes de aboar en concepto de Imposto de Bens Inmobles (IBI). Esas cantidades, correspondentes aos últimos anos, ascendían a un montante total de 96 mil euros.
A nova rebaixa acadada hoxe polo alcalde súmase ao substancial aforro conseguido no prezo de compra desta infraestrutura. Finalmente, o Concello de Lalín pasou de ter que pagar 3,3 millóns de euros a 2,9 millóns, logrando así un aforro de 400 mil euros para as arcas municipais. O acordo, que xa foi ratificado en pleno, implica que o pago se efectuará en dous prazos: un primeiro, que finalmente será de algo máis de 2,1 millóns de euros, que se fará efectivo este ano, e o segundo, de 700 mil euros, que se executará o ano que vén.
O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, amosou hoxe a súa fonda satisfacción por ter acadado unha nova rebaixa, neste caso no pagamento do IBI, xa que “eu teño case como unha obsesión persoal a defensa dos cartos públicos e a optimización dos recursos municipais”. Este aforro, ademais, “permítenos dispoñer de diñeiro a maiores para destinar a outras prioridades, como son as políticas sociais e a recuperación do rural”.
Desta maneira tamén se supera un novo trámite administrativo para que o parking Europa poida abrir de novo as súas portas o vindeiro 22 de decembro, o que permitirá, entre outras cousas, dar inicio ao proceso de peonalización dalgunhas rúas do centro de Lalín e impulsar a dinamización económica e social do comercio da zona coincidindo co inicio da campaña de Nadal. Ao mesmo tempo tamén se poñerá fin a un longo proceso xudicial, derivado da mala xestión do anterior Goberno, que dilapidou unha enorme cantidade de recursos municipais e impediu que esta infraestrutura prestase servizo á veciñanza de Lalín.
Cuíña tamén afirma que para el “era un reto persoal solucionar este desastre herdado polo que ninguén asumiu aínda responsabilidades na anterior corporación”. O acordo acadado para a compra do parking Europa e os pasos que se están a dar para a súa posta en funcionamento son un dos grandes logros da xestión que está a realizar o Goberno municipal neste inicio de mandato.
O Concello tamén está a axilizar os trámites para a entrada en funcionamento do aparcadoiro. Neste sentido a semana pasada licitábase o contrato para o sistema de control de acceso e de pago, así como a seguridade. A reapertura do parking Europa tamén permitirá crear emprego xa que, aínda que a xestión se realizará con persoal municipal de inicio, para o ano está previsto que se contrate a catro persoas para xestionar as instalacións.











