Lalín convértese en centro neurálxico para a toma de decisións políticas coa reunión do Eixo Atlántico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocal Portada
A-
A+
Rexedores participantes na reunión

Rexedores participantes na reunión

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, amosou hoxe a súa satisfacción polo feito de que “o noso Concello recupere a condición de centro neurálxico para a toma de decisións en Galicia”. O rexedor considera que se están dando os pasos axeitados para que o Concello volva a ter o peso político que tivo nos anos 90 e que, lamentablemente, foi esmorecendo durante a primeira parte do século XXI.

Boa mostra desa recuperación da categoría política de Lalín é o encontro da comisión executiva do Eixo Atlántico, que se celebrou esta mañá no Castro Tecnolóxico, e que contou coa presenza de representantes de 12 concellos de Galicia e do norte de Portugal. Entre eles estaban o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, ou o vicepresidente da FEGAMP e alcalde do Barco, Alfredo García. 

A reunión serviu para consensuar a postura que vai defender o Eixo Atlántico sobre a conexión ferroviaria de Alta Velocidade entre A Coruña, Santiago, Vigo, Porto e Lisboa para  que esta sexa unha liña realmente sostible e eficaz dende o punto de vista da comunicación interrexional. Un dos acordos adoptados pola executiva do Eixo é trasladarlle á ministra de Fomento a idea para retomar o proxecto do túnel da saída sur de Vigo, o que facilitaría o fluxo de usuarios para este tren, “que está chamado a ser o da eurorrexión”, segundo o secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao. Neste sentido tamén se avoga pola modernización e a mellora das conexións entre as vilas do interior a a liña de Alta Velocidade. 

O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, será o encargado de transmitirlle esta petición a Ana Pastor na reunión que mañá manterán na subdelegación do Goberno en Pontevedra. Esta reunión servirá de primeira toma de contacto antes da reunión oficial que solicitarán os representantes do Eixo e antes da constitución dun grupo de traballo para analizar estas cuestión cos máximos responsables da secretaría xeral de Infraestruturas. Pola súa banda, os concellos portugueses tamén iniciarán xestións para transmitir estas peticións aos novos representantes do goberno luso.

9 de outubro de 2015 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.