Lalín contará cunha ordenanza que regulará a protección ao medio ambiente, a limpeza e a convivencia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O Goberno municipal vén de presentar para o seu debate e aprobación no pleno ordinario do mes de outubro a Ordenanza de medio ambiente, limpeza e convivencia do Concello. Deste xeito, e unha vez reciba o visto e prace da corporación municipal, Lalín contará por primeira vez cunha exhaustiva ordenanza que regulará polo miúdo todos os aspectos relativos á recollida de residuos, ao coidado de zonas verdes e espazos protexidos, á promoción da educación ambiental ou ao urbanismo sostible, entre outras cuestións.

De maneira específica, a Ordenanza ten por obxecto a regulación, intervención e control administrativo de todas aquelas condutas, actividades, bens e recursos susceptibles de afectar á calidade ambiental, co fin de previr os posibles danos xerados ao contorno e sempre mediante unha actuación preventiva por parte do Concello, mitigando os impactos adversos sobre a saúde humana e o medio ambiente.

Unha das principais metas desta nova normativa é promover a concienciación e a participación de toda a veciñanza na defensa do medio ambiente, tanto no eido urbano como no eido rural. A implicación cidadá será fundamental para acadar os obxectivos de sostibilidade local, que inclúen minimizar a produción de residuos, separar a recollida, promover o aforro enerxético e de recursos naturais, minimizar a contaminación, protexer a paisaxe e controlar o ruído e a emisión de gases con efecto invernadoiro, como garantía de calidade de vida e benestar.

Tendo en conta que a principal intención da Ordenanza é avanzar nun cambio de mentalidade con respecto á defensa do medio ambiente e á mellora da convivencia, a normativa tamén contempla, en último caso, un réxime de infraccións e de sancións, con multas que poderían ir ata os 3.000 euros no caso das máis graves.

Infraccións e sancións

Infraccións leves

a) Realizar necesidades fisiolóxicas, tales como defecar, mexar, cuspir en calquera dos espazos públicos, ou sobre mobiliario urbano ou calquera outro ben público ou privado privados de concorrida afluencia de persoas ou frecuentados por menores.
b) Tirar no chan cáscaras, papeis, gomas de mascar, cigarros, cabichas, envoltorios ou calquera outro desperdicio, que deberá depositarse nas papeleiras instaladas para tal fin.
c) Depositar, arroxar ou abandonar calquera clase de produto, en estado sólido, líquido ou gasoso, que poida alterar as condicións de limpeza que esixe a estética da vila, incluída a varredura da vía pública que recollan os particulares.
d) A limpeza ou, de ser o caso, sacudida de alfombras, prendas ou calquera outro obxecto sobre a vía pública desde fiestras, balcóns ou terrazas.
e) Lavado e limpeza de vehículos e calquera outra operación de mantemento destes, na vía pública, agás reparacións de emerxencia. Neste caso deberá procederse á limpeza da zona afectada.
f) Saír con vehículos de desterre dunha obra deixando restos de terra ou residuos na vía pública.
g) Tirar na vía pública, ou fora dos colectores de sumidoiro, auga procedente da limpeza de locais públicos ou privados, ou auga procedente da cocción do polbo.
h) Depositar residuos orgánicos, restos vexetais ou de comida nos colectores, sempre que se poidan ser utilizados para compostaxe.
i) Depositar plásticos de silo ou de actividades agrícolas con sistema de recollida especial, nos colectores de lixo.
j) Depositar nos colectores de lixo os envases ou recipientes que contiveran herbicidas, pesticidas, plaguicidas fitosanitarios, medicamentos ou residuos perigosos, empregados na actividade agraria ou gandeira.
k) Depositar residuos de papel-cartón na vía pública, fora do seu colector agás no caso dos establecementos adheridos ao sistema de recollida “Porta a Porta”.
l) Depositar residuos de papel-cartón para a recollida “Porta a Porta” fora do horario, e condicións estabelecidas.
m) Pasear ou permitir a entrada de cans nos parque públicos, dentro dos xardíns, e especialmente nos parques infantís ou onde existan instalación para xogo dos nenos.
n) Pasear por espazos públicos animais potencialmente perigosos.
o) Depositar os residuos sen separalos por fraccións ou en colectores ou puntos de recollida distintos aos identificados para cada fracción de residuos ou contravindo o disposto na presente Ordenanza.
p) Incumprir os horarios establecidos de depósito e entrega de residuos.
q) Botar ou abandonar residuos na vía pública ou en lugares distintos aos especificados polo Concello.
r) Colgar a roupa en fachadas, terrazas, solares e outros elementos dos edificios que dean á rúa, salvo que sexan «opacos». Só o poderán facer nas galerías interiores das vivendas.
s) Depositar, en lugares distintos ás papeleiras instaladas para o efecto nos espazos públicos, residuos de pequeno volume tales como papeis, gomas de mascar, cabichas, caramelos, cascas e desperdicios similares.
t) Depositar residuos fora das instalacións do Punto Limpo, ou fora do horario de apertura do mesmo.
u) Facer queimas agrícolas en terreos do casco urbanos afectando as fachadas de edificios próximos.
v) Manipular colectores ou o seu contido así como envorcar ou arrancar papeleiras ou outro tipo de colectores ou desprazalos fóra das súas situacións.
w) Utilizar os colectores de uso exclusivo de residuos para residuos diferentes do previsto na presente ordenanza.
x) Depositar residuos vexetais ou orgánicos nos colectores de lixo, os cales deben ir destinados á compostaxe.
y) Ensuciar a vía pública como consecuencia da tenza de animais, e o abandono de excrementos.
z) Depositar no colector do lixo residuos orgánicos procedentes de matanzas domiciliarias.

aa) Tirar ao chan ou depositar recipientes de bebidas como latas, paquete de tabaco, cigarros ou cabichas, botellas, vasos, ou calquera outro obxecto.

bb) Colocar ou pegar calquera tipo de cartel, pancarta ou adhesivos en elementos do mobiliario urbano, ou nos colectores do lixo.

cc) A comisión dalgunha das infraccións tipificadas nos dous artigos seguintes, cando pola súa escasa contía ou entidade, non mereza a cualificación de grave ou moi grave.

dd) Consumir bebidas alcohólicas na vía pública cando poida alterar a convivencia ou o exercicio de dereitos lexítimos de outras persoas ou colectivos.

Infraccións graves

a) Mover calquera elemento do mobiliario urbano do seu emprazamento, cando coa dita actuación de xeren riscos para as persoas, para os propios bens desprazados ou para calquera outros bens públicos ou privados, ou se produzan alteracións graves da convivencia cidadá
b) O abandono ou vertedura incontrolada de calquera tipo de residuos municipais sen que se puxese en perigo grave a saúde das persoas ou producísese un dano ou deterioración grave para o medio ambiente.
c) Depositar residuos procedentes de obras menores de construción ou de reparación domiciliaria na vía pública ou nos colectores de uso colectivo situados na vía pública.
d) A obstrución á actividade de vixilancia, inspección e control do Concello, así como o incumprimento das obrigas de colaboración previstas na Lei 22/2011, do 28 de xullo, de Residuos e Chans contaminados.
e) A entrega, venda ou cesión de residuos municipais non perigosos a persoas físicas ou xurídicas distintas das sinaladas na Lei 22/2011, do 28 de xullo, de Residuos e Chans Contaminados e na presente ordenanza así como a aceptación destes en condicións distintas ás previstas nestas normas.
f) Depositar nos colectores municipais residuos industriais que deban ser xestionados por xestor autorizado.
g) Queimar plásticos.
h) Depositar plásticos agrícolas nos colectores de lixo,

Infraccións moi graves

a) Mostrar condutas vandálicas, agresivas ou neglixentes no uso do mobiliario urbano que xeren situacións de risco ou perigo para a saúde e a integridade física das persoas.
b) Depositar, abandonar, verter ou eliminar de forma incontrolada calquera tipo de residuo en terreos públicos ou privados, marxes dos ríos, na vía pública, calzadas ou camiños e soares públicos ou privados, cando esta acción, pola súa entidade ou volume, non mereza a cualificación de grave ou moi grave.
c) Considerarase infracción moi grave calquera actuación, infracción, vertedura incontrolada ou abandono de calquera tipo de residuos municipais cando se poña en perigo grave a saúde das persoas se produza en espazos protexidos ou supoña un dano ou deterioración grave para o Medio Ambiente.

Sen prexuízo da sanción que en cada caso proceda, o infractor deberá reparar o dano causado repoñendo a situación alterada ao seu estado orixinario. Se o infractor non procedese a reparar o dano causado no prazo sinalado, o órgano competente poderá acordar a imposición de multas coercitivas. Así mesmo, en caso de incumprimento, a devandita reposición poderá ser realizada mediante execución subsidiaria polo concello. Os custos orixinados polas actuacións a realizar serán con cargo ao suxeito responsable da infracción esixíndolle, se é o caso, a indemnización a que houbese lugar por danos e prexuízos causados.

Contía Sancións

As infraccións tipificadas consonte á Ordenanza serán sancionadas:

– As leves, con multa de ata 750 euros.
– As graves, con multa de 751 a 1.500 euros.
– As moi graves, con multa de 1.501 a 3.000 euros

28 de outubro de 2015 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.