Lalín aprobará unhas ordenanzas fiscais destinadas a garantir servizos e recursos sociais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O Goberno municipal de Lalín vén de presentar, para a súa aprobación no vindeiro pleno do mes de outubro, a modificación das ordenanzas fiscais e reguladoras de prezos públicos para o ano 2016. O principal obxectivo dos cambios propostos polo executivo lalinense pasa por garantir e mellorar os servizos e os recursos públicos destinados a políticas sociais, a gran prioridade para este mandato.

Ao mesmo tempo tamén se pretende asentar as bases para propiciar a dinamización económica do concello, unha meta na que se irá incidindo de forma progresiva nos vindeiros anos e a medida que se rebaixen as esixencias de estabilidade orzamentaria impostas dende o Goberno central.

Imposto de Bens Inmobles (IBI)

A proposta de modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto de Bens Inmobles (IBI) prevé a aplicación para o exercicio 2016 dun tipo de gravame para os bens de natureza urbana do 0,46 por cento. A xustificación desta medida vén dada pola necesidade de cumprir cos obxectos de estabilidade orzamentaria fixadas pola administración do Estado. Precisamente co obxectivo de cumprir cos compromisos de gasto do vindeiro exercicio e para continuar prestando axeitadamente os servizos públicos no concello proponse a fixación do tipo de gravame proposto, do 0,46% para os bens inmobles urbanos.

Esta cifra supón unha unificación dos dous tipos de IBI previos impostos polo Goberno do Estado e provocará unha leve  baixada na recadación.  Desta maneira, para un inmoble cun valor catastral de 50 mil euros, o recibo baixará de 250 a 230 euros e un inmoble de 23 mil euros pasará de pagar 92 euros a 105.

Parking Europa

A proposta de ordenanzas tamén regula o réxime de uso e utilización do Parking Europa, tras a súa adquisición por parte do Concello. Con ocasión da súa entrada en servizo e coa finalidade de poñer en marcha unha campaña promocional e de fidelización dos eventuais usuarios, establécese que os primeiros 90 minutos serán gratuítos en todo caso. Este réxime será transitorio e irá dende a entrada en vigor da ordenanza ata o día 29 de febreiro de 2016.

A partir desa data aplicaranse as tarifas establecidas con carácter xeral pola prestación do servizo, que serán de 1 euro á hora, aínda que se tarifará por minuto consumido segundo a normativa vixente. Contémplanse, ademais, outras modalidades distintas de utilización do servizo de aparcamento, como o abono mensual a 30 euros ao mes ou os vales expedidos para comerciantes que estes poderán facilitar aos seus clientes como medida de promoción do comercio local.

Instalacións deportivas

Os prezos públicos pola prestación de servizos nas instalacións deportivas municipais do Concello de Lalín  teñen como principal obxectivo de fomentar medidas de carácter social ao tempo que se responde ás necesidades puntuais e demandas dos usuarios.En particular, as medidas propostas de carácter social contemplan un bono gratuíto de temporada para familias con escasos recursos para o acceso ás piscinas exteriores.

Tamén se amplía de 14 a 16 anos a idade dos usuarios que poden acceder coa tarifa establecida para menores. Eles, ao igual que os maiores de 59 anos, verán reducido nun 50 por cento o prezo da entrada ás piscinas. Por último, redúcese o prezo do abono de discapacitados nun 15% en cada unha das súas modalidades. 

Así mesmo, e coa finalidade de dar resposta a necesidades e demandas dos usuarios, propóñense unhas novas tarifas para o desfrute das pistas de pádel, ante a necesidade de dinamizar a actividade. Elimínase a cota especial establecida para a actividade de pilates que non tivo demanda, e increméntase o prezo dos abonos matinais nun 15% nas súas distintas modalidades.

Isto tamén implicará un cambio no Regulamento de Utilización das Instalacións Deportivas Municipais para adaptalo a novas necesidades ou prioridades, incluíndo unha regulación especial para a utilización das piscinas por parte dos denominados colectivos específicos (AMPAS, colexios, e asociacións e entidades sen ánimo de lucro con fins benéficos-asistenciais). Así mesmo, dando resposta á demanda dos usuarios, modifícase de 6 a 8 anos a idade dos nenos para acceder sós aos vestiarios.

Ocupación de espazo público

A modificación da taxa por ocupación de terreos de uso público municipal con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa, vén imposta pola necesidade de adaptala á nova normativa que regulará a colocación de terrazas.

Polo que se refire á terraza convencional, proponse unha baixada do 2,5 por cento das tarifas vixentes, incrementando, así mesmo, de 4 a 6 o número de mesas que determina a aplicación do incremento do 50 por cento nas taxas.

Tamén se prevé unha taxa diferenciada para a ocupación na modalidade de “terraza convencional ampliable”, as concibidas para o seu aproveitamento nas fins de semana. Neste caso, sobre a tarifa determinada para a terraza convencional aplícase o coeficiente de 0,25 para a determinación da tarifa aplicable ás mesas suxeitas a este réxime.

22 de outubro de 2015 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.