Lalín acollerá durante 15 días unha estación móbil da Rede de Calidade do Aire de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Unidade de medición da calidade do aire

Unidade de medición da calidade do aire

A concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, visitou esta mañá a unidade móbil instalada hoxe na Avenida da Estación pola Rede de Calidade do Aire de Galicia, que permanecerá no lugar durante os vindeiros 15 días desenvolvendo medicións indicativas da calidade do aire da vila. A rede pertence á consellería de Medio Ambiente e o seu traballo consiste en vixiar e avaliar a calidade do aire do territorio galego e informar do seu estado tanto á poboación como ao Ministerio de Medio Ambiente Agricultura e Alimentación.

O servizo conta cun entramado de estacións de medición fixas que se sitúan principalmente en aglomeracións de máis de 50.000 habitantes e no contorno das principais focos industriais, cuxa actividade pode afectar á calidade doa aire. Non obstante, estas tamén se dispoñen nalgunhas vilas pequenas e localizacións rurais  onde é importante medir os contaminantes por diferentes motivos.  Neste senso, Lalín enmárcase como unha vila que, por unha banda se encontra afastado dos grandes focos de contaminación de Galicia, pero ao mesmo tempo conta cunha importante actividade nos seus polígonos e no sector agrogandeiro, polo que segundo explicaron os técnicos,   representa ben á  maioría das vilas galegas. Así mesmo, atópase no centro xeográfico de Galicia, o que fai máis interesante avaliar a calidade do aire desta zona, de xeito que se poida estudar de paso a influencia dos ventos predominantes no transporte de contaminantes xerados a longa distancia. Os contaminantes que medirá a unidade móbil instalada en Lalín serán xofre, ozono, dióxido e óxidos de nitróxeno, monóxido de carbono, benceno, amoníaco e outras partículas.

Unha vez tomados os datos nesta posición, que terá como principal obxectivo estudar a influencia do tráfico no ambiente, terá lugar unha segunda medición, na zona do Agro de Lalín de Arriba, co obxectivo de analizar a contaminación de fondo urbano. Cos datos recollidos preténdese obter unha boa información sobre o estado de calidade do aire no concello. Espérase que esta sexa boa, mais de non ser así, poderíase proceder á colocación dunha estación permanente. Os datos faranse públicos na páxina web www.meteogalicia.es. 

Celia Alonso, cualificou como “moi positivo para a cidadanía poder coñecer as cualidades do aire que respiramos” e agradeceu o interese da Rede de Calidade do Aire de Galicia por facer unha parte dos estudos en Lalín. O Concello proporcionoulles o subministro eléctrico preciso e procedeu á colocación dun valado perimetral para a unidade móbil.

15 de outubro de 2015 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.